Mar Pereira destaca ante a última promoción de enxeñeiros informáticos da USC a potencialidade do sector TIC galego como unha das áreas chave do crecemento económico de Galicia
A posta en marcha de proxectos relacionados coa sociedade da información como a administración electrónica ou a modernización da xustiza fan do sector informático unha profesión en alza
O último informe sobre a situación laboral das Enxeñarías Informáticas en Galicia indica que o 86,2% dos licenciados neste área se atopan traballando
No período 2009-2010 as empresas do sector TIC en Galicia incrementáronse un 14,6%, fronte ao 11.5% do resto do Estado
A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, lembrou o pasado venres a forte potencialidade que vén demostrando o sector das novas tecnoloxías en Galicia, que no período 2009-2010 incrementou o número de empresas neste ámbito nun 14,6%, fronte ao 11.5% experimentado no resto do Estado.
Pereira indicou que o número de empresas galegas deste ámbito era no 2010 de preto de 1.800. Un dato que “nos sitúa como a sétima Comunidade Autónoma con maior número de empresas TIC e confirma que este sector está a converterse nunha das áreas produtivas chaves no desenvolvemento económico e social de Comunidade, pola súa condición de acelerador do cambio tecnolóxico e polo seu carácter transversal ao resto de sectores”.
Sector estratéxico
A responsable de Innovación Tecnolóxica da Xunta interveu no acto de fin de Grao da II promoción de Enxeñaría Informática da Universidade de Santiago. Mar Pereira animou aos estudantes a emprender a súa traxectoria profesional “nun sector, que a pesar do actual contexto económico, segue sendo un elemento estratéxico para o crecemento económico e polo que se segue apostando deste todos os niveis da Administración pública”.
Neste sentido, lembrou que a Comisión Europea puxo en marcha en 2010 a Axenda Dixital, “coa que se pretende impulsar o sector TIC como eixe da competitividade e da recuperación económica dos estados membros”. Unha aposta que, indicou, “tamén se está a levar a cabo desde o Goberno Galego a través de 2014.gal Axenda Dixital de Galicia, a estratexia tecnolóxica coa que buscamos integrar as TIC en todos os sectores da sociedade e converter o sector da economía do coñecemento nun elemento estratéxico de futuro e tractor do resto de sectores chave para Galicia”.
Situación laboral
A secretaria xeral recordou segundo o informe “A Situación Laboral das Enxeñarías en Informática de Galicia”, publicado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) en 2010 e realizado en colaboración cos Colexios Profesionais de Enxeñaría en Informática de Galicia, “o 86,2% en Enxeñaría Técnica en Informática atópanse traballando, aproximándose ao pleno emprego”.
Neste sentido, a responsable do departamento autonómico apuntou que o sector informático está chamado a ser unha das áreas de actividade na que está previsto que aumente a demanda ante a posta en marcha de proxectos concretos relacionados coa sociedade da información como é o caso da administración electrónica ou da modernización da xustiza. Dúas áreas prioritarias, segundo Mar Pereira, para a Xunta de Galicia e nas que estamos a conseguir avances que nos achegan ao noso obxectivo de ter una verdadeira administración electrónica e unha xustiza dotada das plataformas tecnolóxicas que precisa.
Pero non só sector público aposta polas novas tecnoloxías xa que a presenza de persoal con formación en Tecnoloxías da Información e da Comunicación resulta xa indispensable no desenvolvemento de calquera actividade laboral. Un 21,5% das empresas galegas de 10 e máis asalariados emprega persoal con funcións TIC específicas fronte ao 27,3% da media estatal.
Finalmente a secretaria xeral sinalou que desde o Goberno galego somos conscientes de que unha das principais fortalezas de Galicia é a capacitación e a especialización do capital humano. E temos moi presente que o colectivo profesional da Enxeñaría en Informática, desempeña un papel esencial do desenvolvemento das TIC, pola súa enorme capacidade de impulso na implantación da Sociedade da Información.