Mar Pereira destaca a importancia da colaboración entre o sector TIC e a administración autonómica para facilitar a dixitalización do tecido empresarial galego
A directora da Amtega inaugurou esta mañá, na Cidade da Cultura, Galicia TIC 2016
Sinalou que a Comunidade está en disposición de afrontar os retos da transformación dixital, grazas o desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos de calado en todos os ámbitos nos últimos anos
Afirmou que os resultados destas iniciativas son o mellor escaparate para o sector fóra de Galicia e contribúen a situar á Comunidade como un polo tecnolóxico de referencia
Actualmente, a Amtega está a desenvolver 14 plans recollidos na Axenda Dixital 2020 para consolidar a dixitalización de servizos públicos, empresas e sectores primarios
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, sinalou hoxe durante a inauguración de Galicia TIC 2016 que “a dixitalización do tecido empresarial galego é un reto inaprazable” e destacou o papel fundamental do sector tecnolóxico como elemento tractor e facilitador de este proceso.
Pereira lembrou que a Amtega vén colaborando estreitamente con sector TIC nos últimos anos no desenvolvemento das iniciativas recollidas nas Axendas Dixitais de Galicia, 2014.gal e ADG2020. No caso concreto da dixitalización empresarial, a Amtega está a desenvolver diferentes actuacións como o Programa Reacciona TIC, que en colaboración co Igape, ofrece un catálogo de servizos dixitais ás pemes co asesoramento de empresas TIC.
Proxectos TIC de referencia
A directora da Amtega sinalou que Galicia está hoxe en posición de poder afrontar os retos da transformación dixital tras o esforzo dos últimos anos para avanzar na converxencia con España e Europa na integración das TIC. Un esforzo, indicou, no que Galicia contou cunha Administración comprometida, que a situou entre as primeiras Comunidades en contar cunha estratexia tecnolóxica e coa capacidade dun sector tecnolóxico que conta con máis de 2.200 empresas e 14.000 profesionais.
Neste sentido, recalcou que os resultados dos proxectos e iniciativas de dixitalización da Administración, a Xustiza, a Educación postos en marcha nos últimos anos constitúen o mellor escaparate para sector tecnolóxico e contribúen a converter a Galicia nun polo tecnolóxico de referencia.
Finalmente, a responsable da estratexia tecnolóxica autonómica lembrou que o reto da Axenda Dixital de Galicia 2020 é consolidar a dixitalización de servizos públicos, empresas e sectores primarios con 14 plans xa en marcha. O principal obxectivo desta estratexia dixital é impulsar un crecemento, intelixente, sostible e integrador e cuxo orzamento previsto suporá que desde 2009 e ata 2020 Galicia terá investidos 3.000 millóns de euros entre capital público e privado na transformación dixital da Comunidade.