Mar Pereira destaca a aposta do Goberno galego para implantar as TIC na sociedade mellorando as infraestruturas de telecomunicacións e fomentando a alfabetización dixital

Mércores 24 de Marzo de 2010

Mar Pereira destaca a aposta do Goberno galego para implantar as TIC na sociedade mellorando as infraestruturas de telecomunicacións e fomentando a alfabetización dixital

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica inaugurou hoxe en Santiago o “Seminario Sociedad de la Información en Galicia”, organizado pola revista Socinfo.

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, lembrou hoxe o cambio de estratexia decidido polo Goberno galego hai un ano en materia de novas tecnoloxías coa creación dun único órgano directivo, dependente da Presidencia do Goberno para planificar todas as actuacións TIC da Administración autonómica. Este foi, segundo a responsable do departamento autonómico, o primeiro paso na forte aposta do Executivo galego pola integración das TIC en todos os ámbitos da sociedade.

A dotación de infraestruturas tecnolóxicas aos servizos públicos “é fundamental para avanzar na implantación da iniciativa eGoberno, un novo modelo de relación entre a Administración, a cidadanía e as empresas”. A secretaria xeral avanzou que para acadar este obxectivo se está a traballar en colaboración coas deputacións provinciais e a Fegamp para facilitar o desenvolvemento da Administración electrónica no só na Xunta senón tamén nas administracións locais e que se fará especial fincapé nos procedementos que acumulan un maior retraso tecnolóxico e que implican unha gran repercusión social. Neste eido, a responsable de Modernización destacou o papel liderado pola Xunta de Galicia no pago aos seus proveedores en 45 días grazas ao rexistro electrónico de facturas e a futura posta en marcha da licitación electrónica para a tramitación completa das ofertas que as empresas presenten aos concursos da Xunta.

Neste contexto de modernización dos servizos públicos, Mar Pereira indicou que sempre se identifican claramente tres ámbitos sectoriais de gran impacto social: a sanidade, a educación e a xustiza. Do primeiro fixo balance da e-receita, implantada a finais de 2008 e da que no 2009 foron prescritas máis de 7,5 millóns en centros de atención primaria nos que están adscritas máis de 1.200.000 persoas. Na educación, o proxecto ABALAR introducirá no vindeiro curso o concepto de Centro Educativo Dixital en máis de 700 aulas e dotará a 14.500 alumnos de ultraportátiles. A Xunta investirá nesta primeira fase máis de 12 millóns de euros.

Na área da Xustiza, estase a establecer unha estratexia e unha planificación temporal e de recursos para racionalizar e redeseñar os procesos, actualizar os sistemas de información e despregar as infraestruturas e medios tecnolóxicos necesarios, cun investimento de máis de 2,1 millóns de euros. O seguinte paso será o desenvolvemento do Primeiro Plan de Sistemas e Tecnoloxías da Información na Xustiza da Comunidade.

Para avanzar na implantación de todas estás actuacións e garantir o dereito dos cidadáns a relacionarse coa administración en todos os seus niveis a través dos medios electrónicos, Mar Pereira lembrou que xa se está a traballar na mellora e na estensión das infraestruturas de telecomunicacións co Plan Director de Banda Larga 2010-2013. O obxectivo do Plan é achegar o acceso a Internet aos máis de 786.000 galegos que na actualidade non dispoñen dun servizo de calidade así como ao 10% dos xulgados, o 25% dos centros educativos, o 30% dos centros de saúde e o 53% das casas consistoriais que ata o de agora non podían acceder á rede.

A alfabetización dixital é outro dos aspectos cualificados de imprescindibles pola secretaria xeral de Modernización para acadar a plena integración das TIC. Neste campo, Mar Pereira destacou a posta en marcha da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Galicia CeMIT, que coordina as máis de cen aulas dependentes da Xunta e a colaboración do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia para fomentar actividades de alfabetización dixital dos colectivos con máis dificultades de acceso ás novas tecnoloxías.

Constituír un sector TIC forte e unido é outro dos eixes básicos no impulso do proxecto tecnolóxico que está a desenvolver o Goberno galego. Neste sentido, Mar Pereira, valorou a creación do Cluster TIC e amosou o apoio constante da Administración autonómica ao sector.

Participantes
A segunda edición do Seminario “Sociedad de la Información en Galicia”, que se celebra hoxe en Santiago organizado pola revisa Socinfo, reúne a representantes tanto da Administración autonómica, como das deputacións e os concellos para analizar a situación actual e os plans de futuro en materia de novas tecnoloxías na Comunidade. En representación da Xunta de Galicia, participan o director xeral do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Mauro Fernández; o subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade, Benigno Rosón e o subdirector xeral de Sistemas Informáticos da Consellería de Educación, Carlos Vázquez. Tamén intervirán ao longo da mañá o xefe de servizo da Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra, Amancio Varela; o coordinador técnico do servizo de Informática e Novas Tecnoloxías da Deputación de Ourense, Marcos Valiño e o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro. En representación das administracións locais participan o responsable de Innovación Tecnolóxica e Atención Cidadá do Concello da Coruña, José María Ares e a concelleira de Facenda, Persoal e Reforma Administrativa do Concelllo de Santiago de Compostela, Rosa Fernández.