Mar Pereira avanza que o Sistema de Información Xeográfica da Xunta mellorará a toma de decisións e o deseño das políticas globais

Mércores 02 de Outubro de 2013

Mar Pereira avanza que o Sistema de Información Xeográfica da Xunta mellorará a toma de decisións e o deseño das políticas globais

A Administración galega está a pór en marcha unha plataforma de información xeográfica corporativa que xestionará todos os datos xeoespaciais das diferentes Consellerías baixo un mesmo sistema

Proporcionará datos estatísticos e cartográficos territorializados sobre equipamento, servizos e recursos de todo tipo que facilitarán o diagnóstico, a análise e deseño de políticas locais e rexionais cunha visión territorial e estratéxica

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, avanzou esta mañá en Madrid que o Sistema de Información Xeográfico Corporativo galego, no que está a traballar a Xunta, permitirá orientar a toma de decisións do Goberno galego baseándose nun coñecemento máis exhaustivo de como están distribuídos os recursos no territorio, o cal redundará nun mellor deseño das políticas globais da Administración autonómica.

Mar Pereira fixo estas declaracións durante a inauguración da Conferencia Esri 2013 sobre Tecnoloxía de Información Xeográfica, na que se puxo como exemplo para outras administracións públicas a plataforma de información xeográfica corporativa que está a implantar Xunta de Galicia.

Esta plataforma tecnolóxica proverá a Administración galega de datos estatísticos e cartográficos territorializados sobre equipamento, servizos, recursos naturais, topografía ou elementos do patrimonio que facilitan o diagnóstico, a análise, avaliación de deseño de políticas locais e rexionais cunha visión territorial e estratéxica.

Aplicacións Prácticas

Entre as aplicacións prácticas que esta ferramenta permite realizar cunha maior precisión están, por exemplo, a planificación de infraestruturas, a xestión de emerxencias, a creación servizos no contexto do medioambiente; a análise de patróns de comportamento da sociedade; plans de recuperación, situación e difusión do patrimonio ou o posicionamento xeográfico de recursos e servizos, entre outras.

No caso do Sistema Sistema de Información Xeográfico Corporativo galego, algunhas das iniciativas que porán en marcha no medio prazo son a plataforma tecnolóxica de turismo, vinculada á promoción da cultura e o patrimonio galego, un proxecto de recollida e recuperación de toponimia, iniciativas para a xestión do ámbito rural e mariño como a xestión dos incendios forestais, o seguimento de frotas, espazos protexidos ou zonas de pesca.

Vantaxes para a Administración, Empresas e Cidadáns

O Sistema de Información Xeográfico Corporativo Galego, xestionado polo Instituto de Estudos do Territorio en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia tratará, almacenará e difundirá datos xeoespaciais das diferentes Consellerías baixo un mesmo sistema.

Deste xeito favorécese a eficiencia no gasto público, e permite o intercambio fluído de información e produtos cartográficos e evita a duplicación de esforzos, tempo e recursos económicos e contribúese ao desenvolvemento de mellores prácticas de administración e xestión pública. Ademais, garántese a homoxeneidade da información e a súa dispoñibilidade a terceiros.

O sistema de Información xeográfico corporativo se formula como unha plataforma aberta orientada á reutilización, o que permitirá que empresas do sector cartográfico e do sector TIC en xeral poidan crear aplicacións e servizos para os cidadáns. Se facilita o acceso a unha información á que antes só podían acceder a través dunha solicitude formal con varios trámites administrativos.

Pola súa banda, o cidadán terá acceso a unha información territorializada e exhaustiva do seu ámbito, e poderá consultar mapas e outra información xeorreferenciada de uso público. Un paso máis dentro das liñas de Goberno aberto e transparencia da Xunta de Galicia.

Conferencia Esri España 2013

A Conferencia Sistemas de Información Xeográfica (GIS) é unha iniciativa de Esri España, compañía especializada en GIS, á que está prevista a asistencia de máis de 2.000 persoas, 500 organizacións (tanto empresas privadas coma administracións públicas), e na que se celebrarán entre hoxe e mañá máis de 50 relatorios, debates, charlas e obradoiros.