Mar Pereira avanza que as iniciativas tecnolóxicas da nova Axenda Dixital de Galicia 2020 complementarán as estratexias Smart das vilas e cidades da comunidade
Sinalou que a estratexia tecnolóxica do Goberno galego afonda na transformación de sectores tradicionais e na prestación de servizos intelixentes con impacto en todo o territorio, facilitando a súa reutilización.
Destacou o esforzo da Administración autonómica para estender por todo o territorio galego infraestruturas de telecomunicación, a base dos servizos dixitais.
Lembrou que a Xunta cumpriu co compromiso de conseguir unha Galicia conectada e con máis da metade da poboación con acceso ás redes de 100Mbps.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) avanzou que a nova Axenda Dixital de Galicia 2020, que está a elaborar o seu departamento, afonda na estratexia de transformación de Galicia nun territorio intelixente, que impulse a proliferación de servizos intelixentes facilitando a súa reutilización e intercambio.
A responsable da política tecnolóxica da Xunta clausurou hoxe o Foro Smart City: Santiago Cidade Intelixente, organizado por El Correo Gallego, no se que analizou a iniciativa Smart da capital de Galicia.
Pereira afirmou que o reto de Santiago á hora de abordar este proxecto reside en compatibilizar a aplicación da tecnoloxía para modernizar á cidade coa conservación e promoción do seu legado histórico. Neste sentido subliñou a necesidade de adaptar os posibles novos servizos e solucións ás necesidades e ás particularidades dunha Cidade Patrimonio da Humanidade como Santiago.
Cidades intelixentes, integradas nunha rexión intelixente
Sobre a nova Axenda Dixital, a máxima responsable TIC da Xunta, sinalou que fará foco no poder transformador da tecnoloxía para facer fronte a importantes desafíos, consolidando liñas de actuación iniciadas coa anterior Axenda, 2014.gal, con impacto en todo o territorio e en colaboración con diferentes sectores empresariais.
Así a directora da Amtega sinalou que se están a concretar para os vindeiros anos liñas de acción no eido educativo, sociosanitario, do transporte, do turismo, da preservación da cultura e patrimonio ou do Goberno dixital que deben complementar e reforzar as estratexias Smart das vilas e cidades da Comunidade.
Mar Pereira sinalou que este enfoque implica abordar os proxectos desde unha tripla perspectiva. Por unha banda, impulsar servizos intelixentes baixo unhas directrices de integración, interoperabilidade, uso de estándares abertos, flexibilidade e escalabilidade, o que permitirá acelerar a súa implantación e reducir custos. En segundo lugar, fomentar a coordinación inter-administrativa para compartir aplicacións, reutilizar as solucións existentes evitando a duplicidade de investimentos e esforzos. En terceiro lugar, tendo en conta a magnitude dos investimentos precisos e a necesidade de mantelos de xeito sostido no tempo, fomentar modelos de financiamento baseados na colaboración público privada.
Infraestruturas de telecomunicación, base dos novos servizos dixitais
A base sobre a que se apoian novos servizos dixitais e intelixentes e os proxectos de Smart city son as infraestruturas de telecomunicación. A directora da Amtega lembrou que neste ámbito a Xunta de Galicia fixo un esforzo importante nos últimos catro anos coa extensión de infraestruturas de telecomunicación por todo o territorio galego grazas ao Plan de Banda Larga. Lembrou que se cumpriu co compromiso de conseguir unha Galicia conectada, o 98% da poboación ten hoxe posibilidade de conectarse a Internet a través de redes fixas e sen fíos e o 2% restante a través de satélite.
Ademais, grazas ao Plan, tamén se despregaron redes de nova xeración que permiten velocidades de 100Mbps, ás que teñen acceso máis da metade dos galegos, a día de hoxe. Galicia foi das primeiras rexións de Europa en incentivar o despregamento destas redes, porque estamos convencidos que debemos apostar por adiantarnos e sacar o máximo proveito das novas tendencias tecnolóxicas. Por iso, a Administración autonómica está a traballar xa no seguinte Plan para dar resposta á demanda de novos servizos dixitais e prestacións máis avanzadas.