Mar Pereira: “aproveitaremos os recursos estatais e europeos para financiar proxectos innovadores de alto impacto e conseguir maiores retornos de investimento”

Xoves 05 de Maio de 2011

Mar Pereira: “aproveitaremos os recursos estatais e europeos para financiar proxectos innovadores de alto impacto e conseguir maiores retornos de investimento”

A Administración autonómica está a impulsar proxectos tecnolóxicos nun ámbito chave para a Comunidade como é o sector da saúde e o benestar

O proxecto de Fogar Dixital Asistencial e o Mapa de Capacidades Tecnolóxicas Socionsantiarias son dous exemplos desta liña de traballo

O Goberno galego marca por primeira vez obxectivos concretos para Galicia de converxencia con Europa no eido das novas tecnoloxías a través de estratexias como 2014.gal e o Plan I2C

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, indicou hoxe que “a participación en proxectos de innovación no ámbito europeo daranos moitas vantaxes competitivas no curto, medio e longo prazo”.

A responsable do departamento autonómico explicou que “no curto prazo atoparemos fontes de investimento que están a nosa disposición e teremos acceso a tecnoloxías punteiras, ademais de iniciar liñas de colaboración cos actores principais de múltiples industrias a nivel europeo”. No medio prazo a secretaria apuntou “a necesidade de buscar unha economía máis forte e debemos ser capaces de exportar o noso coñecemento” e “no longo prazo evitaremos o risco de que Galicia quede fóra da Europa da innovación”.

Por iso, afirmou, “temos claro o obxectivo de aproveitar mellor os recursos estatais e europeos dispoñibles para o financiamento de proxectos innovadores de alto impacto e conseguir maiores retornos de investimento maximizando a participación nos distintos programas existentes”.

Mar Pereira realizou estas declaracións durante a clausura da Xornada “Programas de Financiamento europeos”, celebrada en Ferrol e organizada pola Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Económico de Galicia.

Estratexias para converxer con Europa
A secretaria xeral destacou que o actual Goberno galego marca por primeira vez obxectivos concretos para Galicia de converxencia con Europa no eido das novas tecnoloxías a través de estratexias como 2014.gal e o Plan I2C que complementan e apoian os obxectivos económicos marcados no Plan Galicia 2014.

O desenvolvemento das iniciativas previstas en ambos plans permitirá estimular o crecemento económico e social da Comunidade coa adopción dun modelo produtivo baseado no emprego das TIC.

Proxectos innovadores no eido sociosanitario
Mar Pereira recalcou que o compromiso de Europa coa innovación é firme e que iniciativas como o Ambient Assisted Living, que moviliza 600 millóns de euros entre 2008 e 2013, se poñen en marcha para converter Europa no centro neurálxico do desenvolvemento de solucións tecnolóxicas para a saúde e o benestar dos cidadáns.

A responsable de Modernización destacou o interese de Galicia en desenvolver proxectos nestes ámbitos xa que “a realidade demográfica da nosa comunidade implica a súa consideración como sector estratéxico e chave da economía do noso futuro”. Boa mostra disto, sinalou “é a importante aposta que está a facer a Xunta polo impulso de proxectos sectoriais en ámbitos de futuro como o Fogar Dixital Asistencial ou a recente publicación do Mapa de Capacidades Tecnolóxicas no ámbito sociosanitario”. Ambos proxectos deixan patente o potencial os axentes do ecosistema galego no ámbito das solucións tecnolóxicas para a saúde e o benestar dos cidadáns.

O Mapa, presentado o pasado mes de marzo, presenta unha foto clara das tecnoloxías e dos proxectos tecnolóxicos desenvolvidos en Galicia no sector sociosanitario por un total de 43 axentes: 40 proxectos dos grupos de investigación das universidades galegas, 20 proxectos de centros tecnolóxicos e 102 do sector empresarial, un total de 162 proxectos neste área. A secretaria xeral sinalou que este documento constitúe o punto de partida para orientar axeitadamente as políticas públicas de pulo ao sector da economía da saúde, favorecendo a colaboración entre os axentes do sistemas I+D+i e a transferencia

Cooperación e apoio
No caso do eido privado, Mar Pereira fixo fincapé na necesidade de facer “un maior esforzo en materia de colaboración por parte dos distintos axentes do ecosistema –centros tecnolóxicos, grupos de investigación e empresas– para a posta en marcha de proxectos de maior calado para Galicia, proxectos realmente innovadores e tractores da nosa economía.”

Finalmente, a secretaria xeral lembrou que o Goberno galego aposta decididamente por impulsar os diferentes sectores estratéxicos, en especial o sector da Economía do Coñecemento como motor da economía do futuro, e apostamos por apoiar aos sectores tanto na captación de fondos públicos para a I+D+i, como na atracción de investimento privado para Galicia.