Mar Pereira agradece o esforzo e a colaboración de todos os colectivos implicados no proceso de modernización da xustiza que está a realizar a Administración Autonómica
A secretaria xeral de Modernización inaugurou en Santiago as II Xornadas de Informática Xudicial e Delitos Informáticos
A responsable do departamento autonómico destacou os avances do Plan Senda 2014 para integrar as TIC na Xustiza
A principios de 2012 completarase a renovación do equipamento informático cunha antigüidade superior aos cinco anos
Está prevista a instalación de 22 equipos de videoconferencia e arredor de 100 equipos de gravación de vistas nos órganos xudiciais galegos
No 2011 realizáronse máis de 600.000 notificacións telemáticas desde os 100 órganos xudiciais que dispoñen dun sistema electrónico de comunicación
A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, destacou hoxe a importancia da colaboración e o esforzo de todos os colectivos implicados no proceso de modernización da Xustiza que está a desenvolver a Administración autonómica. Así o indicou durante a inauguración das II Xornadas de Informática Xudicial e Delitos Informáticos que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, en colaboración coa Secretaría Xeral.
Mar Pereira sinalou que para Xunta de Galicia, a Administración de xustiza constitúe unha área prioritaria de desenvolvemento e por iso se puxo en marcha o ano pasado o Plan Senda 2014, que establece a folla de ruta para implantar de xeito efectivo as TIC na Xustiza.
O plan, que conta cun orzamento de 34 millóns de euros, contempla a o fomento do uso das ferramentas informáticas así como actuacións de renovación do equipamento e a actualización dos sistemas de información. Ademais, está a impulsar a implantación de servizos en mobilidade para que os profesionais da Xustiza teñan ao seu alcance os medios que lles permitan realizar o seu traballo desde calquera lugar. Nesta liña de actuación encaixan a implantación de servizos de videoconferencia ou a dotación de dispositivos de conexión remota para fiscais e xuíces.
Mellora das infraestruturas e formación
A responsable Modernización afirmou que para acadar un aproveitamento beneficioso das TIC no proceso xudicial, se está a mellorar a dotación de infraestruturas tecnolóxicas como a renovación do equipamento informático cunha antigüidade superior aos cinco anos que se completará entre xaneiro de febreiro de 2012. Nesta mesma liña de actuación instalaranse 22 equipos de videoconferencia e arredor de 100 equipos de gravación de vistas nos órganos xudiciais galegos, no marco do acordo Ius+Red asinado co Ministerio de Xustiza.
Outras das liñas de acción do Plan Senda é promover o emprego dos sistemas de información dixital e fomentar o seu coñecemento cara o expediente electrónico xudicial. Neste sentido, a secretaria xeral destacou que no 2011 realizáronse máis de 600.000 notificacións telemáticas desde os 100 órganos xudiciais que dispoñen de Lexnet e que nos últimos 12 meses mais de 3.000 traballadores do ámbito xudicial públicos participaron en máis de 300 cursos de formación sobre o uso dos sistemas de xestión procesual.
Xornadas
As “II Xornadas de Informática Xudicial e Delitos Informáticos” xornadas que se celebran hoxe e mañá en Santiago de Compostela, inscríbese no convenio de colaboración subscrito entre a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática para realizar accións formativas no eido das peritaxes xudiciais e técnicas probatorias.
As Xornadas contan cun completo programa de relatorios e mesas redondas organizadas en dúas sesións. Na xornada de hoxe os relatorios corren a cargo do Maxistrado e Director do Servizo de Modernización e Organización Xudicial do Consello Xeral do Poder Xudicial, Joaquín Delgado Martín, e da Avogada e Socio Director de Razona Legaltech, Paloma Llaneza. A xornada completarase cunha mesa redonda titulada: “¿Estamos preparados para dar seguridade xurídica a un mundo xa dixital?”.
Durante a segunda xornada do ciclo, o sábado día 12, os relatorios correrán a cargo do xuíz da Audiencia Nacional, Eloy Velasco, da Fiscal Xeral en Criminalidade Informática, Elvira Tejada de la Fuente, e do inspector Xefe do grupo de Análise de Software da sección de Informática Forense da Policía Nacional, Jorge Martín García. A xornada completarase cunha mesa redonda titulada: “Retos da xustiza ante a nova realidade informática”.