Mar Pereira afirma que a Xunta traballará desde o corazón dixital de Galicia para potenciar unha marca propia do sector TIC e dar resposta ás necesidades dunha sociedad dixital
A posta en marcha da Amtega e do Centro de Proceso de Datos na Cidade da Cultura a converten no corazón dixital da Comunidade
A responsable da área TIC da Xunta analizou o papel e os retos da Administración pública ante a rápida evolución da sociedade dixital e a importancia e potencial do sector tecnolóxico como elemento tractor no actual contexto económico
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, inaugurou hoxe na Cidade da Cultura o I Foro Tecnolóxico da Revista Código Cero, que celebra o seu décimo aniversario. Pereira analizou o papel e os retos da Administración pública ante a rápida evolución da sociedade dixital e a importancia e potencial do sector tecnolóxico como elemento tractor no actual contexto económico e as medidas que a Axenda Dixital de Galicia contempla para conseguir estes obxectivos.
Mar Pereira recordou que a Cidade da Cultura albergará a partir do verán a sede da Axencia para a Modernización e o Centro de Proceso de Datos Integral, converténdose así no corazón dixital da Comunidade. E será desde aquí, indicou, desde onde se traballará para potenciar a imaxe e a capacidade do sector tecnolóxico galego como un sector de referencia e afrontar o reto como Administración de respostar ás necesidades dunha sociedade demandante de novas solucións e servizos tecnolóxicos.
Os retos das administracións públicas
Neste sentido, a responsable da área tecnolóxica da Xunta recoñeceu que a integración das TIC na vida cotiá dos cidadáns vai a un ritmo vertixinoso e que as Administracións públicas aínda van un paso por detrás neste eido e por iso teñen a obriga de esforzarse aínda máis para configurar unhas entidades públicas máis modernas e eficientes que resposten ás necesidades da sociedade dixital.
A directora da Axencia destacou que o momento de crise e recesión económica que se está a vivir en Europa está caracterizado por novo paradigma no modelo de crecemento no que o sector tecnolóxico está a consolidarse como una panca para o desenvolvemento económico.
Sector TIC
Recordou que en comparación con outros sectores o sector TIC ten unha maior capacidade de adaptación e innovación, o que lle facilita a entrada a novos nichos de mercado. Segundo o Europe´s 500, o ranquing das 500 empresas europeas que máis crecen, o 29% destas compañías pertencen ao sector tecnolóxico.
En Galicia o sector tecnolóxico mantén o nivel de emprego e incluso incrementa o número de empresas demostrando a súa capacidade de crecemento e a posibilidade de consolidar un sector estable laboralmente. No período 2010-2011 o número de empresas do sector TIC creceu un 7,4% situándose nas 1.897 empresas e empregando a preto de 1.900 traballadores.
Entre as fortalezas do sector TIC galego, Mar Pereira destacou que se caracteriza pola compoñente innovadora e a súa capacidade para afrontar importantes proxectos tecnolóxicos. Neste sentido, indicou que a creación da Axencia para a Modernización e a posta en marcha do CPDI permitirá ao sector público desenvolver proxectos innovadores que contribúan a dinamizar o sector TIC da Comunidade. Tamén lembrou o potencial das universidades e dos centros tecnolóxicos galegos e a súa importante contribución para consolidar o sector tecnolóxico galego como elemento clave do desenvolvemento económico galego.
Entre as medidas do Goberno para impulsar o sector tecnolóxico, Mar Pereira destacou a aposta pola compra pública de tecnoloxía innovadora con exemplos como os proxectos Hospital 2050 e Innova-Saúde, dotados con 45 millóns de euros ou o desenvolvemento de proxectos de gran envergadura a través do programa Feder-Interconecta. A directora da Amtega sinalou que a execución estas iniciativas está a favorecer a colaboración entre os axentes do sistema I+D+i, a transferencia de tecnoloxía galega ao mercado e á xeración de emprego cualificado.