Mar Pereira afirma que a primeira Lei de Telecomunicacións de Galicia impulsará o desenvolvemento de servizos dixitais innovadores
A norma, obrigará a incluír as infraestruturas de soporte necesarias para o desenvolvemento do Fogar Dixital en vivendas de nova construción, reducindo o custo que supoñería implantalos unha vez concluído o edificio
É O fogar do século XXI no que se satisfán e melloran as necesidades dos seus habitantes en materia de seguridade, confort, aforro enerxético, accesibilidade
Constitúe unha panca importante para o aumento da calidade de vida da cidadanía e tamén un motor claro para a dinamización e o desenvolvemento do sector tecnolóxico de Galicia
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, afirmou hoxe que a Xunta traballa para sacar o máximo proveito das oportunidades que hoxe presentan as TIC no ámbito social, económico e empresarial. A responsable da Amtega inaugurou esta mañá en Vigo as Xornadas “Telcom Galicia 12: Xestionando o presente para gañar o futuro”, organizadas pola Federación Nacional de Instaladores de Telecomunicacións, Fenitel.
Pereira destacou o inicio do trámite parlamentario da Lei de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia, coa que se persegue blindar as telecomunicacións como un servizo público máis para todos os galegos creando así unha base robusta para o desenvolvemento de novos e innovadores servizos dixitais como o Fogar Dixital.
A responsable de Modernización explicou que este é o fogar do século XXI, no que se satisfán e melloran as necesidades dos seus habitantes en materia de seguridade, confort, aforro enerxético, accesibilidade, etc. A norma, obrigará a incluír as infraestruturas de soporte necesarias para o desenvolvemento do Fogar Dixital en vivendas de nova construción, reducindo o custo que supoñería implantalos unha vez concluído o edificio.
Mar Pereira sinalou que o fogar dixital é unha panca importante para o aumento da calidade de vida da cidadanía e o achegamento dos servizos públicos ao fogar, e tamén un motor claro para a dinamización e o desenvolvemento do sector tecnolóxico de Galicia. Un fogar que forma parte das Cidades Intelixentes do futuro.
O impacto das TIC na economía
No eido económico a directora da Amtega sinalou que o aproveitamento do potencial innovador das TIC, “fai que todos gañemos en eficiencia e aforro de custos, permitíndonos crecer nun ámbito de austeridade”
Segundo datos que se recollen do informe "España Conecta - Como transforma Internet a economía española", Internet achega xa 23.400 millóns de euros ao PIB español de forma directa. Unha contribución que pode alcanzar os 63.000 millóns de euros no 2015 multiplicando por 2,7 o seu impacto neste período. E ademais, por cada euro público investido en TIC xérase un investimento de 7 euros por parte do sector privado.
A directora da Amtega destacou a situación do o sector tecnolóxico galego, que a pesar da crise, mantén o nivel de emprego e mesmo incrementa o número de empresas. No período 2010-2011 o número de empresas galegas do sector TIC creceu un 7,4% (1.897 empresas en 2011) e mantivo practicamente o mesmo número de traballadores cun total de 15.855.
Mar Pereira fixo fincapé en que o Goberno galego está convencido de que todos os esforzos que se están a levar a cabo no ámbito das telecomunicacións se verán traducidos en novos produtos e servizos tecnolóxicos, en novos modelos de negocio, e polo tanto, en crecemento económico e maior emprego para a Comunidade.