Mar Pereira adianta a posta en marcha do Plan Transformatic para aliñar as diferentes iniciativas de apoio ao sector tecnolóxico da administración autonómica

Xoves 24 de Outubro de 2013

Mar Pereira adianta a posta en marcha do Plan Transformatic para aliñar as diferentes iniciativas de apoio ao sector tecnolóxico da administración autonómica

Impulsará o desenvolvemento de proxectos TIC no sector público e a incorporación efectiva da tecnoloxía nos principais sectores produtivos

Este tipo iniciativas contribuirán a posicionar o sector TIC galego como referencia nacional e favorecer a exportación de tecnoloxía galega a novos mercados

A responsable autonómica recoñece a aposta dos empresarios do sector pola innovación e destaca que nos últimos tres anos se incrementaron nun 15% as empresas TIC que desenvolveron actividades de I+D+i

A internacionalización é un dos retos das empresas tecnolóxicas galegas, que concentran máis do 80% do seu volume de negocio na Comunidade

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, adiantou a posta en marcha a finais deste ano do Plan Transformatic, que aliñará as diferentes iniciativas de apoio ao sector tecnolóxico que se están a desenvolver desde a Administración autonómica, unindo a todos os departamentos implicados nunha mesa dirección. O Plan buscará tamén a colaboración de todos os axentes do sector para unir esforzos, aliñar obxectivos e favorecer o seu crecemento.

Un obxectivo que, segundo destacou Mar Pereira, cobra especial relevancia neste momento, no que Galicia está a definir a súa estratexia de Especialización Intelixente RIS3, condición indispensable para acceder ao fondos de I+D+i e TIC na programación orzamentaria da Unión Europea 2014-2020.

A responsable da área tecnolóxica da Xunta anunciou esta media durante a inauguración do XI edición do Congreso Galicia TIC, na que recoñeceu o esforzo dos empresario do sector en buscar novos mercados e na aposta pola innovación.

Os retos: a innovación e a internacionalización
Neste sentido destacou que nos últimos tres anos un 30,5% das empresas tecnolóxicas galegas desenvolveu actividades de I+D+i, un incremento superior ao 15% respecto do período anterior. Destas empresas, sinalou, un 71,3% obtivo produtos comercializables.

A directora da Amtega afirmou que un dos grandes retos do sector TIC galego é a internacionalización. Así o pon de manifesto que máis do 82% do volume de negocio das empresas TIC en Galicia corresponde a clientes galegos, preto do 14% ao resto de España e só un 2,9% a clientes europeos.

Tendo en conta que o sector tecnolóxico galego está composto en máis dun 94% por microempresas, as alianzas para crecer e poder atopar novos mercados como a alternativa fundamental para chegar a mercados do exterior. A responsable autonómica dixo que desde a Administración galega se quere avalar e impulsar o esforzo que está a facer o sector con iniciativas como o Transformatic e outras xa en marcha como o Pacto polo desenvolvemento dixital de Galicia.

O Pacto Tecnolóxico, unha ponte ao exterior para as pemes TIC
Pereira recordou que este acordo asinado en xullo entre o presidente da Xunta, o sector tecnolóxico galego e dez empresas de ámbito nacional e multinacional plasma esta liña de traballo e este compromiso da Administración autonómica.

O Pacto establece unha liña de colaboración que facilitará que as multinacionais sirvan de ponte ás pemes TIC galegas para a súa internacionalización. Ademais, os compromisos do Pacto establecen actuacións para desenvolver proxectos tractores innovadores, atraer investimento a Galicia e lograr a colaboración activa entre as grandes e pequenas empresas co fin de conseguir o crecemento do sector.