Mar Pereira aborda co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia as iniciativas da Amtega para integrar as TIC nos principais sectores produtivos galegos

Mércores 23 de Outubro de 2013

Mar Pereira aborda co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia as iniciativas da Amtega para integrar as TIC nos principais sectores produtivos galegos

Unha das liñas estratéxicas da Axencia para o vindeiro ano é a posta en marcha plans tecnolóxicos en sectores clave para a cidadanía e a economía da Comunidade como o benestar, o turismo e o transporte

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, recibiu esta mañá ao presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), José Manuel Fernández Alvariño.

Na xuntanza Mar Pereira abordou co presidente da CEG as iniciativas da Administración autonómica para integrar as TIC no tecido empresarial galego, co obxectivo de impulsar a súa modernización e o seu crecemento. Un aspecto fundamental tendo en conta que o 95% das empresas galegas son pemes.

Unha das liñas estratéxicas da Amtega para o vindeiro ano é a posta en marcha de plans tecnolóxicos en sectores clave para a cidadanía e a economía galegas como o benestar, o turismo e o transporte. Iniciativas nas que será clave a colaboración do sector TIC pero tamén do resto das empresas non tecnolóxicas destas áreas.

Integrar as TIC nas pemes galegas
Desde a posta en marcha da Axenda Dixital, foron varias as iniciativas desenvolvidas para integrar a tecnoloxía nas pemes galegas. A máis destacada, a entrada en funcionamento do Centro Demostrador TIC, o escaparate tecnolóxico de Galicia. O CDTIC, situado en Santiago e equipado coa tecnoloxía máis avanzada, facilita ás empresas do sector tecnolóxico os medios para achegar a súa oferta de produtos ás empresas doutros sectores produtivos.

Dende a súa creación o CDTIC acolleu un total de 57 actividades nas que participaron preto de 800 empresas e 1.400 profesionais do eido educativo, sanitario, da investigación, do sector téxtil e da confección ou da automoción, entre outros.