Mar Pereira: “a Xunta impulsará o Open Data como un elemento xerador de novas oportunidades de negocio para emprendedores”

Venres 14 de Outubro de 2011

Mar Pereira: “a Xunta impulsará o Open Data como un elemento xerador de novas oportunidades de negocio para emprendedores”

Indicou que Goberno aberto facilita a reutilización dos datos que xera a Administración pública por parte de cidadáns e empresas, que poden crear novas aplicacións, servizos e produtos en base a esta información

Destacou que os proxectos presentados aos Innova-G reflicten o espírito emprendedor tanto do sector TIC galego como das empresas non TIC que apostan por aproveitar as posibilidades que lles brindan as novas tecnoloxías

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, participou hoxe na entrega da segunda edición dos premios Innova-G, organizados pola Asociación Galega de Empresas TIC (Agestic), nos que se recoñecen aquelas tecnoloxías, produtos ou servizos en internet e contidos dixitais desenvolvidos por empresas galegas no último ano.

A responsable de Modernización destacou que a presentación de máis de 100 iniciativas por parte de 46 empresas “pon de manifesto que as empresas galegas avanzan sen perder de vista o crecemento imparable das novas tecnoloxías en todos os ámbitos”. Ademais, indicou que “os proxectos presentados reflicten o espírito emprendedor tanto do sector TIC galego como das empresas non TIC que apostan por non perder as posibilidades que as novas tecnoloxías poñen ao seu alcance”.

Open Data

Neste sentido, Mar Pereira, afirmou que a posta en marcha por parte da Administración de proxectos concretos relacionados coa sociedade da información como é o a modernización da Xustiza ou os avances na administración contribúen tamén a xerar novos produtos e servizos por parte das empresas. Precisamente, lembrou que o Goberno galego acaba de aprobar o Decreto que regula a presenza da Administración en Internet e que impulsa o avance cara o Open Data, poñendo á disposición de cidadáns e empresas a información que xera a Administración.

Esta medida, indicou a secretaria xeral, constitúe un elemento xerador de emprego e riqueza ao abrir a posibilidade de novas oportunidades de negocio para emprendedores que poden crear novas aplicacións, servizos e produtos en base a esta información.

Mar Pereira sinalou que o futuro se encamiña na dirección de modelos de negocio online que evolucionan constantemente para satisfacer a inmediatez e a personalización da demanda actual. Isto unido a clara tendencia dun consumo cada vez máis dixital sitúa ao sector empresarial ante un reto é dunha enorme envergadura, pero tamén ante un abano de oportunidades.

Os premiados

Agestic estableceu sete categorías con dous premios para acada unha, un concedido por un xurado e outro por votación popular a través da Rede. O recoñecemento de Mellor start-up galega recaeu en Galebook e Twin Shoes; o de Mellor emprendedor galego TIC 2.0, foi para Frankie Gómez e Twin Shoes; a Mellor campaña social media para a Mermoria Anual 2010 Cruz Roja tanto no premio do xurado como na votación popular; Mellor desenvolvemento 2.0 para Menu.es e María Fechoría; Mellor aplicación para dispositivos móviles para APP Páxinas Galegas no premio do xurado e na votación a través da Rede; e a Plataforma Un mundo Accesible foi recoñecida como Mellor deseño para todos e Mellor desenvolvemento centrado nos cidadáns. Nestas dúas últimas categorías a votación popular elixiu as iniciativas Terra Chá, onde nace Galicia e Bildtec, respectivamente.

Como novidade este ano concedéronse dúas mencións de honra que recaeron na Asociación Galega de Empresas adicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías (Eganet), á que se lle recoñece o seu labor no impulso da Sociedade de Información, e na revista Código Cero polo seu traballo na difusión das Tecnoloxías de Información e a Comunicación.