Mar destina 2,7 millóns de euros a axudas a proxectos innovadores que garantan a sostibilidade do recurso
A Consellería incentiva o I+D+I con subvencións á realización de proxectos piloto dirixidos á adquisición e difusión de novos coñecementos técnicos
A Consellería do Mar potencia o I+D+I no sector pesqueiro coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) das axudas para a realización de proxectos piloto dirixidos á adquisición e difusión de novos coñecementos técnicos. A Consellería destinará 2.700.000 euros distribuídos en tres anualidades a proxectos innovadores que garantan unha pesca sustentable. Estas axudas, que son unha proba máis da aposta da Consellería pola investigación e a innovación, contan co apoio financeiro do Fondo Europeo da Pesca.
Dende a publicación destas bases, no ano 2008, ningún dos expedientes presentados foi obxecto de resolución, o que levou á Consellería do Mar a publicar a convocatoria do ano 2010 e así proceder a resolver os expedientes presentados ao abeiro da orde reguladora. Iso si, as solicitudes que se presentaran durante o 2008 e o 2009 e non recibiran resolución expresa respecto da subvencionabilidade do proxecto, deben manifestar mediante escrito a súa intención de acollerse a esta convocatoria, nun prazo de 30 días a partir de mañá.
A Consellería do Mar considera que o desenvolvemento tecnolóxico representa un papel esencial á hora de introducir novas técnicas e procesos que garantan unha pesca sustentable. Á súa vez, a adopción de prácticas sustentables na pesca necesita, en moitos casos, comprobar na actividade diaria que os procedementos, tecnoloxías e medidas de xestión realmente cobren os obxectivos para os que foron deseñados, de aí que sexa preciso realizar probas a nivel real.
Así, estas subvencións contribúen ao financiamento de iniciativas para desenvolver e probar métodos para mellorar a selectividade das artes de pesca, reducir as capturas accesorias, os descartes ou o impacto ambiental no fondo mariño. Tamén son obxecto de axudas a realización de probas sobre plans de xestión ou de asignación do esforzo pesqueiro, incluso de zonas de veda, co obxecto de avaliar as consecuencias biolóxicas e financeiras e a repoboación experimental. Probar a viabilidade técnica ou económica dunha tecnoloxía innovadora co fin de adquirir e divulgar coñecementos técnicos así como outro tipo de técnicas de xestión pesqueiras son iniciativas que poden acollerse tamén a estas axudas.
Os beneficiarios poden ser empresas, cooperativas, asociacións empresariais e as organizacións de produtores pesqueiros recoñecidas, sempre que teñan a súa sede social en Galicia e realicen a súa actividade nesta comunidade e en cooperación cun organismo científico ou técnico.