Máis dun cento de profesionais asistirán a #SilverBullet17 para coñecer o último en xestión de proxectos TI
Organizado polo CPETIG e a Amtega, terá lugar o 11 de maio na Cidade da Cultura
Máis dun cento de profesionais vinculados á xestión de proxectos TI van participar o día 11 de maio en #SilverBullet17, o I Congreso de Xestión de Proxectos, organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) e a Axencia para a Modernización Tecnoloxica de Galicia (Amtega). Trátase dun foro dirixido a empresas e profesionais, expertos, investigadores e docentes implicados na formación de futuros profesionais nesta área.
#SilverBullet17, que terá lugar na Cidade da Cultura e será inaugurado polo presidente do CPETIG, Marcos Mata, e a directora da Amtega, Mar Pereira, ten como obxectivo amosar as últimas tendencias metodolóxicas e favorecer as habilidades de xestión de recursos humanos, liderado e comunicación, como factores necesarios para o éxito dos proxectos.
Contará cun panel de relatores formado por algúns dos máis relevantes profesionais do panorama actual. José Luis Iparraguirre, director de IAL Software Engineering; Carlos González Jardón, consultor de Xestión de Proxectos e promotor do Capítulo PMI en Galicia; Javier Garzás, mentor áxil e experto en xestión de proxectos e equipos; Susana Gómez Carnero, CEO en Origami Soluciones e directora executiva de BNI Galicia; Javier Cebreiros, socio do espazo de innovación social Impact Hub Vigo e da empresa InfoJC; e Jaume Gurt, director de Organización e Desenvolvemento de Persoas en Schibsted Spain, compañía que xestiona os portais Infojobs, Fotocasa, Vibbo, Coches.net e MilAnuncios.
Sistematización, metodoloxía e coñecemento
‘A bala de prata’ vai ser o fío conductor de #SilverBullet17. Mencionada inicialmente polo enxeñeiro de software Frederick P. Brooks hai agora 30 anos, a expresión alude a esa última posibilidade de salvar un proxecto, cando está a piques de converterse nun ‘monstruo’ polos retrasos, os custos, a calidade, etc. E de aí toma o nome #SilverBullet17, que porá o foco nos tres principios que conforman esa ‘bala de prata’: o traballo sistematizado, a aplicación de metodoloxías adecuadas e o coñecemento sobre xestión de proxectos.
A organización de #SilverBullet17 está enmarcada nas actividades conmemorativas programadas polo CPETIG con motivo da celebración do seu X aniversario. Participan como patrocinadoras as empresas Bahía Software, Balidea, Councilbox, Ednon, Hacce Conversion&Design e Plexus.
Máis información en http://silverbullet.cpetig.org