Máis do 84% dos concellos emprega software libre no seu equipamento tecnolóxico

Sábado 29 de Marzo de 2025

Máis do 84% dos concellos emprega software libre no seu equipamento tecnolóxico

Máis do 51% das entidades municipais contan con aplicacións libres nos ordenadores e máis do 46% nos servidores
As aplicacións de sistemas de información xeográfica, obras, urbanismo e contratación son nas que máis usan as licenzas libres
Tres de cada catro concellos demanda formación en software libre para os seus empregados

O 84,1% dos concellos dispón de software libre nalgún equipo informático, ben nos ordenadores de usuario, ben nos seus servidores. O software libre ten maior implantación nas aplicacións de ordenador, coas que contan o 51,5% dos concellos, mentres que a presenza nos servidores sitúase no 46,4% das entidades locais.

Estes datos son parte do informe bianual “O Software Libre nos concellos de Galicia”, que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Uso de software libre nos concellos

Respecto ao uso do software libre segundo o tipo de aplicación, o informe sinala que nos antivirus a maioría é privativo (75,2%), mentres que o 37,3% de concellos dispón de navegadores só de licenza libre e o 31% conta, tamén, cun xestor de correo electrónico exclusivamente libre.

No que respecta ás aplicacións especializadas nas distintas áreas e funcións municipais, nas que máis está presente o software de licenza libre é en sistemas de información xeográfica (47,1%), obras (37,3%), urbanismo (37,1%) e contratación (35,1%).

O 52,5% dos concellos de Galicia que contan con xestor de contidos de portais e páxinas web opta polo software de licenza libre e o 57,6% dos dispoñen de portal corporativo con documentos descargables, emprega exclusivamente estándares abertos.

O futuro do Software Libre nos concellos

En canto ás razóns para non implantar este tipo de software, o argumento que apunta o 36,8% dos concellos é a complexidade ou risco de cambio.

Cómpre destacar que a principal acción que se demanda dende os concellos para a promoción do software libre é a formación aos usuarios nesta materia, concretamente o 74,1% das entidades locais, se interesan por esta capacitación.

A maioría dos concellos opina que o Software Libre manterá o uso que posúe na actualidade, alo menos durante os próximos dous anos.

Os resultados detallados do informe poden ser consultados en OSIMGA.GAL.