Máis de seiscentas persoas participaron nos cursos de marketing on-line e xestión de contidos da Rede Cemit
As aulas CeMIT de trinta concellos galegos acolleron do 21 de marzo ao 14 de abril estas dúas actividades como parte do Plan de Formación 2011 da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia (CeMIT)
A través destes cursos, de carácter gratuíto, o alumnado aprendía a crear e manter sitios ou portais de xeito sinxelo así como as estratexias básicas do marketing en internet
A Rede CeMIT ten como obxectivo facilitar o acceso igualitario da cidadanía á formación dixital
As aulas CeMIT de trinta localidades galegas acolleron dende o pasado 21 de marzo aos máis de seiscentos asistentes aos cursos de marketing on-line e xestión de contidos da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia (CeMIT). Tratábase dos dous primeiros cursos do Plan de Formación Multimedia e Audiovisual da Rede CeMIT a través dos cales o alumnado aprendía a crear e manter sitios ou portais web e coñecía as estratexias básicas de marketing en internet.
Este tipo de cursos, que combinan a modalidade presencial e on-line, continuarán a partir de setembro con temáticas relacionadas co sector multimedia e audiovisual. Así os interesados poderán coñecer todos os segredos do streaming de audio e vídeo, terán a oportunidade de crear webs para dispositivos móbiles, ou aprenderán a crear videoxogos dende as 94 aulas CeMIT que a Rede ten distribuídas por toda Galicia.
A Xunta de Galicia acaba de poñer en marcha o Programa de Formación 2011 da Rede de Centros para a Modernizacón e Inclusión Tecnolóxica (Rede CeMIT) a través do cal se impartirán durante este ano en 89 concellos galegos máis de mil cursos gratuítos cunha asistencia estimada de 10.000 alumnos. Xunto cos 1.000 cursos impulsados pola Xunta de Galicia, o Plan de Formación 2011 prevé a adhesión de entidades colaboradoras, que poderán empregar as instalación da Rede CeMIT para a difusión dos seus propios proxectos en materia de novas tecnoloxías así como para desenvolver actividades formativas propias.
Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contarán co servizo de “aula aberta”, que posibilitará o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.
Os interesados na oferta formativa do Plan 2011 da Rede CeMIT poden informarse a través da webhttp://cemit.xunta.es.