Máis de mil persoas participaron nos cursos de formación multimedia e audiovisual da rede CeMIT

Sábado 03 de Decembro de 2011

Máis de mil persoas participaron nos cursos de formación multimedia e audiovisual da rede CeMIT

As aulas CeMIT de máis de trinta concellos galegos acolleron de abril a decembro distintas actividades como parte do Plan de Formación Multimedia e Audiovisual da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia (CeMIT)

A última das actividades, un curso sobre streaming de audio e vídeo, rematou o pasado xoves 1 de decembro

A través destes cursos, a Rede CeMIT ten como obxectivo formar á cidadanía en materia multimedia e audiovisual ademais de facilitar o seu acceso igualatorio á formación dixital

As aulas CeMIT de máis de trinta localidades galegas acolleron dende o 21 de marzo ata o pasado xoves, 1 de decembro, ás máis de mil persoas que asistiron ás distintas actividades organizadas pola Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia (CeMIT) no marco do seu programa de Formación Multimedia e Audiovisual.

Tratábanse de cursos relacionados co sector multimedia e audiovisual, que combinaban a modalidade presencial e on-line. Os interesados tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man todos os segredos relacionados co streaming de audio e vídeo, a desenvolver webs para dispositivos móbiles, ou a crear videoxogos dende as aulas CeMIT dos distitnos concellos galegos.

Ademais do éxito das actividades do Programa de Formación Multimedia e Audiovisual, o Programa de Formación 2011 da Rede de Centros para a Modernizacón e Inclusión Tecnolóxica (Rede CeMIT) está a impartir durante este ano en 89 concellos galegos máis de mil cursos gratuítos cunha asistencia estimada de 10.000 alumnos. Xunto cos 1.000 cursos impulsados pola Xunta de Galicia, o Plan de Formación 2011 conta coa adhesión de entidades colaboradoras, que empregan as instalación da Rede CeMIT para a difusión dos seus propios proxectos en materia de novas tecnoloxías así como para desenvolver actividades formativas propias.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contarán co servizo de “aula aberta”, que posibilitará o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.