Máis de duascentas persoas participarán mañá en Santiago no I Foro galego de Cloud
O obxectivo é poñer sobre a mesa puntos de vista e novidades sobre a virtualización e a computación en nube para iniciar un diálogo entre Goberno, Administracións, tecido empresarial, líderes de opinión e fabricantes de software e hardware.
A organización do acto conta coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar e da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.
O evento terá lugar no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia.
Máis de duascentas persoas xa se teñen inscrito para participa mañá no I Foro Galego de Cloud, que ten como obxectivo poñer sobre a mesa puntos de vista e novidades sobre a virtualización e a computación en nube, co fin de establecer un diálogo neste sentido entre Goberno, Administracións públicas, tecido empresarial, líderes de opinión e fabricantes de software e hardware.
O evento está organizado co apoio da Consellería de Traballo e Benestar –celébrase no seu Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia- e da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, xunto coa compañía de servizos tecnolóxicos Ozona. O Foro conta tamén coa colaboración de INEO (Asociación multisectorial de novas tecnoloxías da información e comunicación), que está composta por máis de 80 empresas do sector TIC.
O Cloud Computing, ou computación en nube, é un modelo de computación flexible que permite a xestión de recursos de tecnoloxías da información como servizos a través de internet. Así, estas solucións de virtualización teñen a capacidade de aforrar custos en infraestruturas e recursos, o que permite a expansión de grandes e pequenas empresas en todos os eidos.
Así, o concepto de nube supón a dispoñibilidade de acceso a recursos desde calquera punto e lugar. Basicamente trátase dunha tecnoloxía que desvincula o servizo informático do hardware que emprega.
A implantación deste tipo de solucións é claramente transversal desde o momento en que a gran vantaxe para os usuarios e empresas, independentemente do sector ao que pertenzan, é o acceso aos servizos sen necesidade de ser expertos e sen que se necesite unha infraestrutura para manter o mesmo. Trátase dun entorno tecnolóxico de máxima eficiencia que supón unha garantía para reforzar a competitividade de calquera empresa e da súa flexibilidade para adaptarse ás circunstancias cambiantes do mercado.
Polo tanto, este Foro achegará ao tecido empresarial de Galicia as novas solucións deste ámbito co fin de aumentar a súa competitividade e impulsar a súa expansión.
Ademais, o evento conta co apoio dos fabricantes multinacionais líderes no mundo en estratexias de Cloud Computing, así como do operador de cable galego R. En concreto, participarán profesionais de recoñecido prestixio de empresas como Microsoft, Fujitsu, NetApp, Citrix e VMware.
O Foro será inaugurado ás 9,30 horas pola directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz López, e pola secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira. As actividades prolongaranse ata as 18,00 horas da tarde.