Máis de cento setenta persoas participaron no curso de creación de videoxogos da rede CeMIT
As aulas CeMIT de quince concellos galegos acolleron do 26 de setembro ao 6 de outubro unha actividade para coñecer os segredos que rodean ao sector dos videoxogos en Galicia
O curso, de carácter gratuíto, forma parte do Plan de Formación 2011 da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia (CeMIT)
O programa inclúe de aquí a decembro dúas actividades máis relacionados co sector multimedia e audiovisual no que aínda quedan prazas dispoñibles
As aulas CeMIT de quince localidades galegas acolleron dende o pasado 26 de setembro aos máis de cento setenta asistentes ao curso de creación de videoxogos da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia (CeMIT). A través da actividade, que forma parte do Plan de Formación Multimedia e Audiovisual da Rede CeMIT, o alumnado tivo a oportunidade de coñecer os segredos que rodean a este sector en Galicia. Os concellos galegos que participaron nesta iniciativa a través das súas aulas CeMIT foron os de Ferrol, A Coruña, Santiago, Vigo, A Cañiza, Vilagarcía de Arousa, Padrón, O Barco de Valdeorras, Marín, Lugo, Pontevedra, Arzúa, Ourense, Ribeira e Fisterra.
O curso combinaba clases on-line e presenciais nas aulas CeMIT ubicadas nos distintos concellos galegos. Así, durante os catro días de duración do mesmo, emitíase na aula un vídeo documental realizado para a ocasión cos contidos do curso seguido dunha explicación e resolución de dúbidas (titorización) por parte do técnico experto a través de videoconferencia dende o Centro Multimedia de Galicia.
O Programa de Formación Multimedia e Audiovisual 2011 da Rede CeMIT inclúe ademáis un curso sobre creación de webs para móbiles e outro relacionado coas técnicas de streaming de audio e vídeo que se desenvolverán de aquí a decembro e no que aínda hai prazas dispoñibles. Os interesados poden inscribirse nestas actividades gratuítas no 902 222 321, ou a través da web, www.cmg.xunta.es.
A Xunta de Galicia puxo en marcha o Programa de Formación 2011 da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia (Rede CeMIT) a través do cal se están a impartir durante este ano en 89 concellos galegos máis de mil cursos gratuítos cunha asistencia estimada de 10.000 alumnos.
Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT estanse a desenvolver campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilitará o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.