Máis de 50 técnicos de urbanismo de 37 concellos reciben hoxe formación en materia de novas tecnoloxías nas aulas CeMIT de Santiago, Lugo, O Carballiño e Tui

Martes 25 de Outubro de 2011

Máis de 50 técnicos de urbanismo de 37 concellos reciben hoxe formación en materia de novas tecnoloxías nas aulas CeMIT de Santiago, Lugo, O Carballiño e Tui

Enxeñeiros de Telecomunicación explicarán a estes profesionais as distintas disciplinas implicadas na tramitación de licenzas municipais para a instalación de antenas

É a última xornada das 20 previstas nun Plan formativo destinado aos técnicos dos 315 concellos galegos

Coa documentación xerada crearase un manual de referencia para os municipios galegos que aglutine todo o necesario para unha axeitada tramitación destes permisos

As aulas CeMIT de Santiago, Lugo, O Carballiño e Tui acollen hoxe unha xornada formativa destinada aos técnicos municipais e responsables dos gobernos locais con competencias en materia de urbanismo e novas tecnoloxías. Na xornada, organizada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, participarán un total de 54 profesionais de 37 concellos da catro provincias galegas.

O obxectivo deste curso, o último dun Plan formativo que destinado a técnicos dos 315 concellos galegos, é capacitar a estes profesionais na tramitación das licenzas municipais para a instalación de estacións base de radiocomunicación, tanto no relativo ás urbanísticas como ás de nova apertura ou funcionamento.

En total foron 20 xornadas formativas, repartidas por toda a Comunidade galega, e que se celebraron nas aulas dos concellos pertencentes á rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta (CeMIT).

Xornadas formativas
A duración de cada un dos cursos foi de catro horas en horario de catro a oito da tarde e estarán dirixidos por enxeñeiros de Telecomunicación con gran experiencia neste campo e pertencentes ao COETG.

Nas clases explícanse as distintas disciplinas implicadas na tramitación de licenzas municipais para a instalación de antenas, dende a normativa vixente en materia de telecomunicacións ou ambiental, a aplicación do Código de boas prácticas e ordenanza tipo aprobada pola Comisión Sectorial para o Despregue de Infraestruturas de Radiocomunicación (CSDIR) ata aspectos relativos á seguridade e saúde así como as diferentes tecnoloxías dispoñibles na actualidade.

Cara a estandarización dos procedementos TIC nos 315 concellos galegos
A iniciativa xurdiu ademais coa vocación de que ao rematar as xornadas, a documentación xerada se converta nun manual de referencia para os concellos galegos. Un compendio documental que aglutine todo o necesario para unha axeitada tramitación das licenzas municipais para a instalación de estacións base de radiocomunicación, poñendo a disposición dos técnicos municipais a ampla bagaxe de coñecementos tecnolóxicos dos relatores pertencentes o COETG.

Ao final de cada curso, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia realizará entre os participantes unhas enquisas de satisfacción cunha análise dos resultados coas súas conclusións, coa finalidade de determinar a necesidade de desenvolver accións futuras no campo das TIC.

Xúntase listado dos concellos que participan:   

Na aula CeMIT de Santiago: A Baña, Boqueixón, Negreira, Oroso, Tordoia, Val do Dubra, Rois, Curtis, Silleda, A Estrada, Santa Comba, Cerdido

Na aula CeMIT de Lugo: Láncara, Paradela, Navia de Suarna, Abegondo, Pol, Cospeito, A Pastoriza.

Na aula CeMIT O Carballiño: Avión, Beade, Carballiño, Cenlle, Maside, Piñor, San Amaro, Xinzo de Limia, Punxín, Carballedo.

Na aula CeMIT de Tui: A Cañiza, Covelo, Crecente, A Guarda, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Vigo.