Máis de 480.000 persoas empregan as 25 aplicacións da Xunta de Galicia

Domingo 05 de Marzo de 2017

Máis de 480.000 persoas empregan as 25 aplicacións da Xunta de Galicia

A Administración autonómica vén de renovar á páxina de acceso a estes servizos
Nos últimos catro anos incrementouse de 9 a 25 as apps en dez categorías diferentes

As 25 aplicacións da Xunta de Galicia acumulan arredor de 483.000 descargas. A Administración autonómica vén de renovar a páxina de acceso aos seus servizos en mobilidade, accesible a través do portal corporativo http://www.xunta.gal/aplicacions-mobiles. As aplicacións están agrupadas en dez categorías e pódense realizar buscas por temas e sistemas operativos nos que estean dispoñibles.

Nos últimos catro anos a Xunta incrementou de 9 a 25 as aplicacións de diferentes servizos públicos para dar resposta á crecente demanda de servizos en mobilidade. O catálogo de aplicacións da Xunta abrangue dez categorías: Administración pública (DOG, Plataforma Contratos,  escAPP e CDTIC): Consumo e comercio (Non piques-non peques, Mercados e Prazas de Galicia, IGC, Galicia Calidade); Cultura e ocio (Axenda Cultural, Museo Centro Gaiás); Emprego (Mobem), Ensino e formación (abalaMobil); Lingua (Tradutor Gaio); Meteoroloxía (MeteoGalicia, MeteoRoute, MeteoSix); Mocidade (Carné Xove) Natureza e Turismo (Turismo de Galicia; Camiño de Santiago; Bono Iacobus, Galicia Birding, Sendegal, Parques Naturais, Enoturismo, Botafumeiro R.V).

As aplicacións que rexistran un volume máis elevado de descargas son MeteoGalicia, para a predición meteorolóxica; abalarMobil, para o seguimento de pais e nais da actividade educativa dos seus fillos; Mobem para demandantes de emprego; MeteoSIX, que ofrece a predición meteorolóxica xeorreferenciada; e Sendegal, que permite coñecer rutas homologadas de sendeirismo en Galicia. 

Identificadas nun espazo único

En maio de 2013 o Consello da Xunta acordou que a publicación das aplicacións creadas por calquera organismo da Administración xeral nas plataformas Android e IOS se realizase baixo a denominación única de “Xunta de Galicia”, facilitándolle á cidadanía a súa identificación e contribuíndo a aumentar a confianza de quen as usa, ao actuar a Administración autonómica como garante da fiabilidade e da súa actualización.

A raíz desta medida  e para difundir cales son as aplicación móbiles dispoñibles creouse un novo espazo web no portal corporativo http://www.xunta.gal/aplicacions-mobiles., onde se poden consultar as aplicacións rexistradas, e que se vén de actualizar esta semana.