Máis de 40 técnicos municipais de urbanismo e novas tecnoloxías de 24 concellos participan mañá na Coruña e Vilagarcía nunha xornada formativa organizada por Modernización e o Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicacións

Martes 04 de Outubro de 2011

Máis de 40 técnicos municipais de urbanismo e novas tecnoloxías de 24 concellos participan mañá na Coruña e Vilagarcía nunha xornada formativa organizada por Modernización e o Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicacións

O obxectivo é capacitar aos técnicos na tramitación das licenzas municipais para a instalación de estacións base de radiocomunicación

Forma parte dun Plan formativo cun total de 20 xornadas destinadas aos técnicos dos 315 concellos galegos

A duración de cada xornada é de catro horas e desenvólvense nas aulas dos concellos pertencentes á rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta (CeMIT)

Coa documentación xerada crearase un manual de referencia para os municipios galegos que aglutine todo o necesario para unha axeitada tramitación destes permisos

As aulas CeMIT de A Coruña e Vilagarcía acollen mañá unha xornada formativa destinada aos técnicos municipais e responsables dos gobernos locais con competencias en materia de urbanismo e novas tecnoloxías. Na xornada, organizada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, participarán 44 profesionais de 18 concellos da provincia da Coruña e 6 da de Pontevedra.

O obxectivo deste curso, enmarcado nun Plan formativo que destinado a técnicos dos 315 concellos galegos, é capacitar a estes profesionais na tramitación das licenzas municipais para a instalación de estacións base de radiocomunicación, tanto no relativo ás urbanísticas como ás de nova apertura ou funcionamento.

Esta iniciativa enmárcase nun convenio asinado entre a responsable do departamento autonómico, Mar Pereira, e o decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro, no que ademais se contempla o fomento das Telecomunicacións e da Sociedade da Información a través de outras accións como a promoción de proxectos innovadores no eido das TIC en Galicia.

Xornadas formativas
En total serán 20 xornadas formativas, repartidas por toda a Comunidade galega e que se celebrarán nas aulas dos concellos pertencentes á rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta (CeMIT). As xornadas comezaron en setembro e desenvolveranse polo resto da Comunidade ata o 25 de outubro.

A duración de cada un dos cursos é de catro horas en horario de catro a oito da tarde e estarán dirixidos por Enxeñeiros de Telecomunicación con gran experiencia neste campo e pertencentes ao COETG.

Nas clases explícanse as distintas disciplinas implicadas na tramitación de licenzas municipais para a instalación de antenas, dende a normativa vixente en materia de telecomunicacións ou ambiental, a aplicación do Código de boas prácticas e ordenanza tipo aprobada pola Comisión Sectorial para o Despregue de Infraestruturas de Radiocomunicación (CSDIR) ata aspectos relativos á seguridade e saúde así como as diferentes tecnoloxías dispoñibles na actualidade.

Cara a estandarización dos procedementos TIC nos 315 concellos galegos
A iniciativa xurdiu ademais coa vocación de que ao rematar as xornadas, a documentación xerada se converta nun manual de referencia para os concellos galegos. Un compendio documental que aglutine todo o necesario para unha axeitada tramitación das licenzas municipais para a instalación de estacións base de radiocomunicación, poñendo a disposición dos técnicos municipais a ampla bagaxe de coñecementos tecnolóxicos dos relatores pertencentes o COETG.

Ao final de cada curso, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia realizará entre os participantes unhas enquisas de satisfacción cunha análise dos resultados coas súas conclusións, coa finalidade de determinar a necesidade de desenvolver accións futuras no campo das TIC.

Xúntase listado dos concellos que asisten:

Na aula CeMIT de A Coruña: Concellos de Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Cambre, Coirós, A Coruña, Miño, Monfero, Oza dos Ríos, Vilarmaior, Cerceda, Cabana de Bergantiños, A Laracha, Camariñas, Arzúa, Malpica de Bergantiños, Guitiriz.
Na aula CeMIT de Vilagarcía: Concellos deBarro, A Illa de Arousa, Pontecesures, Valga, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa.