Máis de 3.300 veciños dos concellos de Boqueixón e Touro xa teñen acceso á Internet grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta

Sábado 06 de Agosto de 2011

Máis de 3.300 veciños dos concellos de Boqueixón e Touro xa teñen acceso á Internet grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta

No municipio de Touro incrementouse nun 50% a porcentaxe de poboación con cobertura chegando ao 68%

En Boqueixón pasouse dun 40% a un 68% de habitantes con posibilidade de acceso á Rede

A extensión de redes fixas, que está a realizar o operador Telefónica nestas zonas no marco do Plan garanten unha velocidade de 6 Mbps

En menos dun ano as accións postas en marcha pola Xunta reduciron nun 41% a poboación sen cobertura en Galicia

O Plan de Banda Larga 2010-2013 da Xunta de Galicia, que está a desenvolver a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, posibilitou que máis de 3.300 veciños dos Concellos de Touro e Boqueixón que carecían de cobertura teñan acceso á Internet.

Ao inicio do Plan tan só o 17% dos veciños de Touro podían conectarse á Rede. Grazas ao Plan esta porcentaxe incrementouse ata o 68%, é dicir en 2.114 persoas. No municipio de Boqueixón o Plan posibilitou o acceso a Internet a 1.232 veciños que carecían deste servizo. Este incremento supuxo pasar dunha porcentaxe do 40% de poboación cuberta a un 68% en menos dun ano.

A previsión é que en ambos concellos esta porcentaxe chegue a máis do 90% no 2013 e que se complete ata o 100% ese mesmo ano a través de satélite.

Servizos públicos conectados
As medidas que se están a desenvolver ao abeiro do Plan están a garantir tamén o acceso de calidade a Internet á maior parte dos puntos de demanda de servizos públicos (centros educativos, centros de saúde, farmacias, xulgados de paz, etc.) que ata agora carecían de banda larga.

No caso de Touro e Boqueixón está previsto dotar de cobertura no mes de novembro ao centro educativo CRA Boqueixón-Vedra-Oural-Camporrapado, ao xulgado de paz de Boqueixón e aos concellos de ambos municipios.

Velocidades de 6 Mbps
Unha das liñas de acción que o Plan desenvolve nesta zona é a extensión de redes fixas, que está a desenvolver o operador Telefónica e que garanten unha velocidade de 6 Mbps nun total de 192 núcleos a día de hoxe. Para o despregamento destas infraestruturas de telecomunicación na Comunidade a Xunta concedeu a Telefónica o pasado mes de setembro  unha subvención de preto de 5,3 millóns de euros, que xerará un investimento total de preto de 23 millóns.

Telefónica posibilitou xa que preto de 88.400 persoas de toda Galicia, que ata agora non contaban con cobertura, dispoñan da posibilidade de acceso a un servizo de banda larga de calidade.

O Plan reduciu en preto do  41% os  galegos sen cobertura na Comunidade
A día de hoxe, e tras a posta en marcha de máis da metade das actuacións previstas no Plan de Banda Larga 2010-2013, son xa en torno a 321.000 os galegos que poden acceder á Internet e que ata agora non tiñan acceso a ese servizo. En 2011 o Plan permitirá que a porcentaxe de galegos con acceso á rede chegue ao 83,60% fronte ao 70% existente en 2009.

A posta en marcha destas iniciativas está a conseguir que Galicia reduza a fenda interna entre as zonas rurais e urbanas. O ano pasado a diferenza media na dispoñibilidade de acceso á banda larga entre as provincias do interior e as do eixo atlántico pasou dun 20% a un 10% e a previsión é que en 2011 esta porcentaxe diminúa ata un 7%.

Ademais, conseguiuse garantir a cobertura de Internet de calidade a máis da metade dos parques empresariais e polígonos industriais con carencias de cobertura así como, posibilitar o acceso de calidade a Internet á maior parte dos puntos de demanda de servizos públicos (centros educativos, centros de saúde, farmacias, xulgados de paz, etc.) sen banda larga. O despregamento de redes do Plan é clave para proporcionar as infraestruturas que permitirán avanzar na administración electrónica e en proxectos innovadores en ámbitos como a sanidade, a educación e a xustiza.

O Plan contempla seis actuacións das que xa se puxeron en marcha 4: a implantación de redes fixas, sen fíos, de nova xeración (con velocidades de 100Mbps), e a potenciación do operador público Retegal que está a poñer a disposición dos resto dos operadores a súa infraestrutura favorecendo a competencia. Proximamente porase en marcha unha nova actuación para completar a cobertura en máis de 11.000 núcleos do rural, dotando de conectividade a outras 250.000 galegos.