Máis de 3.000 persoas inscritas nas listaxes de técnicos sanitarios poden consultar xa a súa admisión no expediente-e

Mércores 15 de Febreiro de 2012

Máis de 3.000 persoas inscritas nas listaxes de técnicos sanitarios poden consultar xa a súa admisión no expediente-e

O próximo mes de marzo convocaranse as listas de contratación temporal, a través do Expediente-e, para as categorías de enfermería, enfermería 061, traballador social, psicólogo clínico, logopeda e técnicos superiores e medios en prevención de riscos

Proximamente tamén se publicarán as listaxes de admitidos de persoal de servizos xerais, celadores e auxiliares administrativos

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio polo que se da publicidade as listaxes provisionais de admitidos e excluídos nas categorías de técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía, hixiene bucodental, laboratorio de diagnóstico clínico, imaxe para o diagnóstico clínico e radioterapia.

As máis de 3.000 persoas inscritas poden ver por primeira vez os resultados a través do Expediente electrónico do profesional. Ademais, grazas a esta ferramenta poden consultar as causas de exclusión, a documentación declarada co estado de incompleta (DI), así como os erros materiais en que incorresen as persoas aspirantes que poderán ser emendados no prazo de dez días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio.

Unha vez resoltas as solicitudes de emenda, procederase á publicación dunha lista definitiva de excluídos e admitidos co resultado de baremación aplicada a estes últimos. Todas aquelas persoas que non aparecen na relación de admitidos e excluídos débese a que a súa inserción se formalizou con posterioridade ao día 30 de novembro do pasado ano, polo que sairán na seguinte xeración de lista.

Próxima convocatoria
O próximo mes de marzo convocaranse as listas de contratación temporal, a través do Expediente-e, para as categorías de enfermería, enfermería 061, traballador social, psicólogo clínico, logopeda e técnicos superiores e medios en prevención de riscos.

Doutra banda, proximamente tamén se publicarán as listaxes de admitidos de persoal de servizos xerais, celadores e auxiliares administrativos para os que o seu prazo de inscrición rematou o 31 de xaneiro deste mesmo ano.

Todo o persoal que traballa no sistema sanitario público galego poderá ver a súa vida profesional a través do Expediente-e, participar nos procesos e consultar os resultados. Asemade, nos centros sanitarios e direccións provinciais están habilitados puntos de información.