Máis de 25 profesionais da xustiza participan na xornada inaugural do seminario sobre informática xudicial organiza polo CPETIG en Lugo

Xoves 15 de Setembro de 2011

Máis de 25 profesionais da xustiza participan na xornada inaugural do seminario sobre informática xudicial organiza polo CPETIG en Lugo

Esta actividade formativa enmárcase nun convenio de colaboración subscrito entre a Secretaría Xeral de Modernización e o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica

Co seminario de hoxe iníciase un ciclo formativo que continuará os días 29 e 30 de setembro coa celebración destas mesmas xornadas nas cidades de Ourense e Pontevedra

O hotel Méndez Núñez da capital lucense acolleu, durante esta tarde, a xornada inaugural do seminario sobre Informática Xudicial, Peritaxe Técnico e Proba Electrónica organizada polo Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) e financiado pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia.

Nesta primeira xornada máis de 25 profesionais da Xustiza achegáronse a participar nun seminario que contou coa participación do avogado e blogger Victor Salgado, e do fiscal especializado en Criminalidade Informática da provincia de Pontevedra, Luis María Uriarte, que abordou o tema da proba electrónica e a súa importancia no proceso xudicial.

A subdirectora xeral de Sistemas de Información e Modernización da Administración Pública, María José García Sexto, foi a encargada de inaugurar a Xornada que, segundo recordou, enmárcase nun convenio subscrito entre o CPETIG e a Secretaría Xeral de Modernización para accións formativas no eido das peritaxes xudiciais e técnicas probatorias e outras actividades dirixidas á difusión da sociedade da información entre os profesionais do sector TIC e a sociedade galega.

Na súa intervención García Sexto indicou que para a Administración autonómica é prioritario o desenvolvemento dos servizos públicos dixitais en áreas de gran impacto social como a sanidade, a educación e a xustiza. Neste último ámbito a subdirectora xeral destacou o esforzo que está a facer a Administración autonómica para integrar as TIC na Xustiza a través do Plan Senda 2014. É un plan a catro anos cun orzamento de 34 millóns de euros a través do cal se están a desenvolver unha serie de actuacións orientadas a consolidar unha infraestrutura tecnolóxica e de servizos robusta e fiable.

O obxectivo deste seminario é informar e concienciar aos xuristas dos avances en materia probatoria nos casos en que interveña o factor informático no proceso, así como dos importantes beneficios da incorporación e uso das novas tecnoloxías no propio proceso xudicial. Co seminario tratarase ademais de sensibilizar sobre a axuda que poden prestar os peritos informáticos nas causas xudiciais e as claves de valoración da proba informática.

Coa celebración deste seminario en Lugo iníciase un ciclo formativo que continuará os días 29 e 30 de setembro coa organización deste mesmo seminario nas cidades de Ourense e Pontevedra.

Programa
Na xornada de mañá, que servirá de clausura ao seminario, intervirá o Xefe do Grupo de Delitos Telemáticos da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Gonzalo Sotelo, que disertará sobre a o protocolo forense en probas electrónicas.

Esta segunda xornada formativa completarase co relatorio do perito do Corpo Oficial de Peritos do Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), Miguel Abal, que abordará na súa intervención o tema da práctica pericial informática.