Máis de 220 concellos galegos superan a porcentaxe do 90% de habitantes con cobertura de internet grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta
No 2010, antes da súa posta en marcha, só dous concellos acadaban este nivel de cobertura
O Plan facilitou o acceso a internet a máis de 630.000 galegos que carecían deste servizo hai menos de tres anos
O 98% dos servizos públicos (centros educativos e sanitarios, xulgados, farmacias) xa dispoñen de cobertura de banda larga fronte ao 83% antes do Plan
Máis de 1 millón de galegos poden acceder á redes NGAs con 100 Mbps de velocidade
Galicia foi das primeiras comunidades da Unión Europea en incentivar a implantación destas redes
No 2013 o Plan de Banda Larga completará os despregamentos de redes fixas e sen fíos que permitirán superar o 97% de poboación con cobertura de internet e chegar ao 3% restante, que habita nas zonas máis illadas de Galicia, vía satélite. Cumprirase así a directriz da Axenda Dixital Europea de que todos os cidadáns teñan acceso a banda larga en 2013.
Deste xeito, ao longo do ano posibilitarase a conexión a internet aos 150.000 galegos que non dispoñen deste servizo a día de hoxe. O obxectivo é iniciar o 2014 cunha Galicia totalmente conectada e que máis de 1,3 millóns de galegos poidan facer uso das redes NGAs, que permiten velocidades de ata 100Mbps.
Ademais, durante este ano completarase a cobertura dos 74 puntos de servizos públicos (centros educativos e sanitarios, xulgados, farmacias) que aínda non contan con acceso á banda larga de calidade e ao único polígono industrial que carece deste servizo.
O operador público Retegal, que conta actualmente con 210 torres e máis de 1.800 quilómetros de fibra óptica construirá en 2013 outras 90 torres para garantir a cobertura de Internet no rural.
Son os obxectivos do Plan de Banda Larga para 2013, que conta cun orzamento de 23 millóns de euros, un 21% máis que en 2012. Así o explicou esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, nunha rolda de prensa na que detallou tamén os avances do Plan desde a súa posta en marcha en 2010.
Máis do 95% de galegos con cobertura a día de hoxe
Adiantándose un ano aos seus obxectivos o Plan de Banda Larga pechou 2012 superando o 95% da poboación con cobertura de Internet. Desde o seu inicio, a mediados de 2010, o Plan posibilitou o acceso á rede a máis de 636.000 galegos dos 786.000 que carecían deste servizo. A día de hoxe o 72% (226) dos concellos galegos teñen o 90% da poboación con cobertura de Internet, antes do plan só dous municipios acadaban esta porcentaxe.
As seis actuacións do Plan, todas en marcha, permitiron dotar de acceso á rede a 576 centros de servizos públicos (centros educativos e sanitarios, farmacias e xulgados) e a 19 polígonos industriais, que non dispoñían deste servizo. A día de hoxe dispoñen de banda larga de calidade o 97% dos centros educativos (77% en 2010), o 98% dos centros sanitarios (66,5% en 2010), o 99% dos xulgados (91% en 2010), o 99% das farmacias (93% en 2010) e o 99% dos parques empresariais (82% en 2010).
Máis de 1 millón de habitantes con acceso a Redes de Nova Xeración
Ademais de facilitar o acceso a internet a todos os galegos, outro dos obxectivos do Plan é impulsar a implantación de redes NGAs, que permiten velocidades de ata 100Mbps, fundamentais para o impulsar o crecemento económico e a innovación empresarial. Galicia é das primeiras comunidades da Unión Europea en incentivar a extensión deste tipo de redes. O Plan permitiu que, ata finais de 2012, sexan xa máis de 1,1 millón os galegos que teñen acceso a estas redes máis punteiras.
Incrementos por provincias
Os despregamentos realizados ata agora conseguiuse incrementar a porcentaxe de galegos con acceso á rede do 71% ao 95%. Un incremento especialmente significativo nas provincias do interior. Grazas ao Plan en Lugo pasouse dun 54% de cobertura a máis do 90% a finais de 2012; en Ourense do 58% ao 96% mentres que na Coruña incrementouse a poboación con posibilidade de acceso á rede do 75% aos 95% e en Pontevedra do 78 ao 97%. Estes avances reduciron a fenda dixital entre as provincias do interior e as do eixo atlántico do 20% antes existente antes do plan a un 3% a finais de 2012.
Punto de partida e orzamento
Tras un exhaustivo estudio sobre a cobertura de banda larga na Comunidade a Xunta detecta que en 2012 só o 71% da poboación tiña cobertura de internet e que a banda larga non chegaba a todos centros de servizos públicos nin a todos os polígonos industriais.
Para reverter esta situación ponse en marcha O Plan de Banda Larga de Galicia 2010-2013 cun investimento público privado de máis de 237 millóns de euros, 80 achegados pola Xunta aos operadores que colaboran no Plan.
Consultas
Para consultar os avances do plan cidadáns e empresas teñen a súa disposición a aplicación rede http://cobertura-pdbl.xunta.es, na que poden coñecer os avances do Plan no seu núcleo de poboación e tamén se poden informar na oficina de banda larga oficina.bandalarga@xunta.es e no teléfono 981 95 78 68.