Máis de 176.000 galegos dispoñen xa de acceso a redes de 100 mbps e prevese que sexan máis dun millón a finais de 2013
A Xunta adxudicoulle a R a extensión de redes NGA (de nova xeración) o pasado mes de setembro
É unhas da accións do Plan 2010-2013 para dotar á Comunidade dunhas infraestruturas de vangarda e proporcionar os servizos máis avanzados de telecomunicacións a particulares e empresas
Xa se cubriu preto do 40% dos núcleos programados: dos 193 previstos, o despregamento da rede de R chega, en menos dun ano, a 74 deles
A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Mar Pereira, e o conselleiro delegado de R, Arturo Dopico, fixeron balance esta mañá do despregamento das redes de nova xeración (NGA) na Comunidade. É unha das accións do Plan de Banda Larga 2010-2013, que se puxo en marcha coa intención de dotar á meirande parte dos habitantes de Galicia de Internet de calidade e lograr que teñan acceso canto antes aos servizos máis avanzados de telecomunicacións.
A extensión desas redes comezou o ano pasado, despois de que R resultase adxudicataria dunha subvención da Xunta de Galicia para esta actuación, e vai xa un paso por diante das súas previsións de cobertura, grazas ao avance progresivo dos traballos de despregamento de rede. De feito, a día de hoxe, dispoñen de acceso a redes de nova xeración coa calidade da fibra óptica de R preto do 40% dos núcleos programados, un total de 74 dos 193 previstos na parte do PBL que lle atinxe ao operador galego de comunicacións por fibra óptica.
Dende outubro de 2010 e ata finais dese ano activáronse os núcleos de Mesoiro, Palavea, Santa Gema, A Zapateira, Casanova de Eirís, Eirís de Arriba, Montserrat, A Cabana e San Pedro de Visma no contorno da Coruña. Ademais, tamén nesa provincia teñen acceso ás novas redes dende o ano pasado os núcleos de Meicende e A Pastoriza en Arteixo, Freixeiro (Narón), O Milladoiro (Ames), Os Tilos (Teo), Cordeda (Culleredo) e Sigüeiro (Oroso). Na provincia de Pontevedra incorporáronse ao grupo de localidades con acceso a redes de nova xeración Pereiro, Bagunda, Ceboleira, Pardavila, Roade, Rioboo e Raviso, todos eles en Vigo; Redondela e Angorén (Redondela) e Barca e Valina en Poio.
En 2011 activáronse núcleos, ata un total de 47, en zonas da Coruña, Culleredo, Narón, Oleiros, Cambre, Marín, Ares, Cedeira e Fene. E antes do remate de 2013 prevese cubrir outras 119 localidades das catro provincias galegas.
Máis de 100 megas para un millón de galegos
Todos estes núcleos contan, desta maneira, cun acceso á rede dun mínimo de 100 megas de baixada e 5 megas de suba e cun caudal garantido do 80%.
Sen contar coa poboación das sete grandes cidades galegas (onde xa medio millón de persoas teñen acceso ás novas redes), o obxectivo é que outras 575.000 poidan desfrutar destes servizos avanzados, co que habería xa, unha vez completado o plan, máis dun millón de habitantes preparados de cheo para a Sociedade da Información en Galicia. Tendo en conta os 27 núcleos aos que se lles deu acceso en 2010 e os 47 que o teñen dende comezo deste ano, arestora son máis de 176.000 os habitantes de Galicia que poden acceder ás vantaxes das redes de nova xeración por vez primeira. E seguindo o previsto, R continuará a despregar a súa rede de fibra óptica para lles achegar aos habitantes da comunidade servizos de 200 megas en 2012.
Novos servizos avanzados
Ademais de todas as vantaxes que as redes de nova xeración ofrecen tanto en velocidades como en posibilidades de desenvolvemento, R inclúe na súa oferta un paquete de servizos adicionais (para todas as novas localidades con cobertura) no que se inclúen a televisión de alta definición, o vídeo baixo demanda e aplicacións interactivas a través da televisión: un servizo de información de emerxencias do 112 por localidades, unha rede wifi que permita dispoñer de acceso a Internet nas áreas públicas e mesmo teleasistencia para persoas con discapacidade para, por exemplo, comunicar en liña a través do televisor cos centros asistenciais. Do mesmo xeito, co wifimedia de R, os clientes deste servizo disporán dun sistema para acceder aos seus arquivos dende calquera aparello con wifi na casa o na empresa (portátil, PC, tableta ou ‘smartphone’).
Galicia, á vangarda das telecomunicacións
Esta nova andaina do despregamento da rede de R permitirá que a extensión da fibra óptica siga sendo unha realidade en Galicia. Ata a data, entre os anos 1999 e 2010, desenvolveuse un proxecto de construción dunha nova rede de telecomunicacións por fibra óptica cun investimento duns 800 millóns de euros e cunha cobertura total de máis de 800.000 fogares e empresas.
O apoio da Administración Autonómica a R reforza o obxectivo de situar a Galicia á vangarda das telecomunicacións para competir en Europa e no resto do mundo. A Xunta de Galicia, a través do seu Plan de Banda Larga 2010-2013 deulle o empurre definitivo á iniciativa do operador achegando 28 millóns de euros (un 21%) dos 129,6 millóns previstos no investimento total para despregar as redes de nova xeración na comunidade. Unhas redes con inxentes posibilidades que serán a base de servizos diferenciais e elementos imprescindibles para o desenvolvemento empresarial e a xeración de emprego en Galicia.
A adxudicación da extensión de redes NGA a R, unha das actuacións máis importantes do Plan de Banda Larga, aprobouse o pasado 16 de setembro no Consello da Xunta a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.