Máis de 150 persoas participan mañá na Xornada sobre Novos Perfís Profesionais na Era Dixital organizada pola AMTEGA
Poderase seguir a través de videoconferencia nas aulas Vigo, Vilagarcía, Barreiros, Celanova, Lalín, Cerceda, Tui, Monforte de Lemos e na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés
O experto en marketing dixital e redes sociais, Juan Merodio, abrirá o seminario cunha conferencia
Os asistentes á xornada coñecerán de primeira man a experiencia de nove mozos e mozas galegos que apostaron por emprender no eido das TIC
As comunicacións do curso poderanse seguir no Twitter no hashtag: #empregoDIX
Máis de 150 persoas se inscribiron xa na Xornada “Novos Perfís Profesionais na Era Dixital”, organizada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), con motivo da celebración do Día Internacional do Voluntariado que ten lugar mañá, 5 de decembro.
O seminario enmárcase nas actuacións do Programa de Voluntariado Dixital da Xunta e celébrase a das 9.30 da mañá na sede da Amtega, no edificio CINC da Cidade da Cultura. Poderase seguir a través de videoconferencia nas aulas CeMIT de Vigo, Vilagarcia, Barreiros, Celanova, Lalin, Cerceda, Tui, Monforte e na na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés.
O obxectivo do encontro é mostrar os novos perfís profesionais que están a xurdir grazas ao avance da economía dixital e que están a demandar cada vez máis as empresas. Os asistentes á xornada coñecerán de primeira man a experiencia de nove mozos e mozas galegos que apostaron por emprender no eido das TIC.
Conferencia
O experto en marketing dixital e redes sociais, Juan Merodio, será o encargado de iniciar a sesión cunha conferencia sobre os novos perfís profesionais xurdidos ao abeiro da nova economía dixital. Merodio, é relator habitual de Congresos de ámbito nacional e internacional e profesor na Universidade Rey Juan Carlos, CESMA e o Instituto de Empresa (IE), entre outros centros. É fundador do “Grupo Ellas”, empresa enfocada á creación de webs dedicadas á muller; socio-fundador de "Marketing Surfers", a Axencia de Marketing 2.0; socio e director de Marketing de “InvierteME”, a rede de Emprendedores e Investidores e Fundador de Emprende Finance, onde axudan a emprendedores a conseguir financiamento para os seus proxectos.
Profesionais do marketing, a programación e o deseño dixital
Tras a conferencia inaugural, 9 mozos e mozas galegos contarán a súa experiencia profesional en tres ámbitos do eido tecnolóxico. Na área do marketing e a comunicación dixital participarán José Alcañiz, xerente da Central de Reservas de Hoteles Buscadestinos.com,Óscar Reboiras, xornalista e xestor de redes sociais do operador R e o bloguero da Voz de Galicia David Serantes, responsable do blog Serantes &Cía.
No eido da programación de videoxogos e apliacións para teléfonos móbiles, exporán a súas experiencias profesionais Sergio Prieto, fundador de Gato Salvaje Estudio, Xurxo Méndez, Ceo en SmartGalApps, e Alberto Ruibal fundador da empresa Mobialia.
A xornada rematará coa visión de tres profesionais galegos do deseño virtual, arte e creatividade: Daniel de Castro, director de arte en DeCastro-Designers; Pablo López, xerente de Hacce Soluciones TIC e Alexandre Santorio, socio de Duplo Estudio.
As comunicacións do curso poderanse seguir no Twitter no hashtag: #empregoDIX
Pode consultar aquí o Programa da xornada
Pode inscribirse na seguinte ligazón: http://voluntariadodixital.xunta.es/signup_acciones/registro/1626