Máis de 1.300 persoas do Concello de Teo que carecían de cobertura xa teñen acceso a internet grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta 2010-2013

Sábado 28 de Maio de 2011

Máis de 1.300 persoas do Concello de Teo que carecían de cobertura xa teñen acceso a internet grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta 2010-2013

A previsión é que no 2013 o municipio acade unha porcentaxe de arredor do 90% de poboación cuberta fronte ao 79% existente antes do comezo do Plan

Ademais este ano máis do 50% da poboación dos núcleos de Cacheiras, San Sadurnino e Os Tilos disporán de cobertura de redes NGAs con velocidades de 100 Mbp

O Plan de Banda Larga 2010-2013 da Xunta de Galicia posibilitou que máis de 1.300 veciños do Concello de Teo que, no 2010, carecían de acceso Internet teñan a posibilidade de contratar este servizo a día de hoxe.

Ao inicio do Plan máis de 3.700 veciños deste municipio da Comarca de Santiago non dispoñían de acceso á Rede. Tras o despregamento de redes fixas nesta zona proporcionóuselle cobertura ao 36% desta poboación pertencente a 32 núcleos de poboación do municipio. 

A previsión é que no 2013  o Concello acade unha porcentaxe de cobertura de arredor do 90% fronte ao 79% existente antes do comezo do plan. Unha cobertura que xa se incrementou no primeiros meses de actuación do Plan acadando a día de hoxe case o 87%. A cobertura completarase ata o 100% a través de satélite.

Velocidades de 6 Mbps

Unha das liñas de acción que o Plan desenvolve nesta zona é a extensión de redes fixas, que está a realizar o operador Telefónica e que garanten unha velocidade de 6 Mbps. Para o despregamento destas infraestruturas de telecomunicación na Comunidade a Xunta concedeu a Telefónica o pasado mes de setembro  unha subvención de preto de 5,3 millóns de euros.

Con esta actuación, que xerará un investimento total de arredor dos 23 millóns, Telefónica posibilitou xa que preto 44.500 persoas dun total de 179 núcleos de toda Galicia, que ata agora non contaban con cobertura, dispoñan da posibilidade de acceso a un servizo de banda larga de calidade.

Redes NGas

Ademais de dotar de cobertura aos veciños de carecen de acceso á Internet o Plan está a implantar Redes de Nova Xeración (NGAs) con velocidades de 100 Mbps das que tamén se beneficiarán este ano o 50% da poboación dos núcleos de Cacheiras, San Sadurnino e Os Tilos. Estas permiten fornecer servizos innovadores, mellorar a calidade ofrecida ao cliente e adaptarse máis rapidamente ás novas Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC).

O plan está a impulsar o despregamento de redes de nova xeración,en núcleos do territorio galego nos que se pode crear unha importante demanda de acceso a este tipo de servizos.

A estimación prevista é que no 2013 máis de 1 millón de habitantes se beneficien das Redes de Nova Xeración, que permitirán velocidades de servizo de 100 Mbps posibilitando así, o acceso a novos e máis avanzados servizos da sociedade da información.

O plan reduciu nun terzo a poboación sen cobertura

A día de hoxe, e tras á posta en marcha de máis da metade das actuacións previstas no Plan de Banda Larga 2010-2013  son xa en torno a 250.000 os galegos que poden acceder á banda larga e que ata agora non tiñan acceso a ese servizo. En 2011 o Plan permitirá que a porcentaxe de galegos con acceso á rede chegue ao 83,60% fronte ao 70% existente en 2009.

A posta en marcha destas iniciativas está a conseguir que Galicia reduza a fenda interna entre as zonas rurais e urbanas. O ano pasado a diferenza media na dispoñibilidade de acceso á banda larga entre as provincias do interior e as do eixo atlántico pasou dun 20% a un 10% e a previsión é que en 2011 esta porcentaxe diminúa ata un 7%.

Ademais, conseguiuse garantir a cobertura de Internet de calidade a máis da metade dos parques empresariais e polígonos industriais con carencias de cobertura así como, posibilitar o acceso de calidade a Internet á maior parte dos puntos de demanda estratéxica para a administración (centros educativos, centros de saúde, farmacias, xulgados de paz, etc.) sen banda larga. O despregamento de redes do Plan é clave para proporcionar as infraestruturas que permitirán avanzar na administración electrónica e en proxectos innovadores en ámbitos como a sanidade, a educación e a xustiza.

O Plan contempla cinco actuacións das que xa se puxeron en marcha 4: a implantación de redes fixas, sen fíos, de nova xeración (con velocidades de 100Mbps), e a potenciación do operador público Retegal que está a poñer a disposición dos resto dos operadores a súa infraestrutura favorecendo a competencia. Este ano ponse en marcha unha nova actuación para completar a cobertura nas zonas rurais que permitirá chegar a outros 250.000 de 11.000 núcleos do rural entre 2011 e 2013.