Máis de 130 proxectos preséntanse á iniciativa Galicia Open Future impulsada por Telefónica e a Xunta de Galicia

Xoves 31 de Xullo de 2014

Máis de 130 proxectos preséntanse á iniciativa Galicia Open Future impulsada por Telefónica e a Xunta de Galicia

Seleccionáronse 50, que comezarán a traballar en setembro na sede da Cidade da Cultura.
Os elixidos céntranse en diversos sectores como as smartcities, a cultura, a saúde ou o agrotech.
Contarán cun apoio de 2.000 euros grazas ao Programa de Incentivos da Xunta a través da Axencia Galega de Innovación.
O programa establece, tamén, a concesión de tres axudas e tres préstamos reembolsables do Igape por valor de 25.000 euros cada un aos tres mellores proxectos da convocatoria.

Máis de 130 proxectos presentáronse á primeira convocatoria de Galicia Open Future –GOF-, o centro de crowdworking posto en marcha por Telefónica en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Economía e Industria, e que comezará a súa actividade o próximo mes de setembro.

Dos máis de 130 proxectos seleccionáronse 50, que é a cifra prevista para comezar esta primeira edición. A maioría procede de Vigo e A Coruña, seguidas de Santiago de Compostela, e presentan diferentes graos de maduración (idea, prototipo, piloto, lanzamento, comercialización…). As iniciativas seleccionadas céntranse en sectores como o tecnolóxico aplicados a distintos ámbitos (marítimo-pesqueiro, agricultura, enerxía…), as smarcities, lecer, cultura, saúde, educación e turismo, e algúns xurdiron en universidades e centros tecnolóxicos de Galicia. Destaca tamén a presenza de proxectos de dixitalización, e-commerce e aplicacións móbiles.

Os emprendedores seleccionados recibirán asesoramento para que o seu proxecto gañe visibilidade, acceso a colaboradores que axuden a que os seus proxectos evolucionen e a ferramentas para validar o funcionamento dos seus proxectos con clientes reais. Poderán traballar na sede de Galicia Open Future, situada no edificio Gaiás de Santiago de Compostela, e tamén a través da plataforma web (openfuture.org). O período da estancia será de seis meses, ampliables a un máximo dun ano.

Programa de incentivos da Xunta
Os 50 seleccionados recibirán unha bolsa, achegada pola Axencia Galega de Innovación, de 2.000 euros. Unha vez superada a fase de formación, os tres mellores proxectos poderán optar a outra axuda de 25.000 euros, que deberá destinarse ao desenvolvemento do propio proxecto. Ademais, estes tres proxectos poderán ter a posibilidade de acceder a un préstamo reembolsable do Igape doutros 25.000 euros.

Ademais da formación e o financiamento, os emprendedores seleccionados por Galicia Open Future poderán compartir experiencias con todos os emprendedores da rede Open Future de Telefónica a través do portal openfuture.org, que conecta entre si os espazos de crowdworking que, como no caso de Galicia, está a poñer en marcha a Compañía. Ademais, o equipo de GOF axudará aos emprendedores para identificar fontes de financiamento e facilitará os contactos con fondos especializados en startups tencolóxicas, como os que integran a rede Amérigo creada por Telefónica.

Pacto Tecnolóxico
Coa posta en marcha de Galicia Open Future, materialízase un dos compromisos adquiridos por Telefónica tras asinar o Pacto Dixital de Galicia o pasado mes de novembro. Para o seu funcionamento e operativa, o operador achegará 850.000 euros anuais. O centro ocupará unha superficie aproximada de 400 metros cadrados nas instalacións do Centro de Emprendemento do Gaiás.

Apoio de Telefónica ao emprendimiento galego
A posta en marcha de Galicia Open Future é o resultado de toda unha estratexia desenvolvida por Telefónica para fomentar en Galicia unha cultura de innovación e emprendimiento, e que arrinca desde idades moi temperás. Consta de varios programas, como o de Think Big Schools, que forma en innovación a novos estudantes de secundaria, e no que participaron este ano 1.500 estudantes galegos; Think Big Novos, orientado a alumnos de bacharelato e universidade; ou o programa de bolsas Talentum, do que se beneficiaron o ano pasado 300 estudantes. Agora, coa posta en marcha de GOF apóiase o desenvolvemento de proxectos de emprendemento, sen límite de idade para quen os promova, e co obxectivo de que acaben xerando riqueza e emprego en Galicia.