Máis 2.400 persoas se informaron dos avances do Plan de Banda Larga e das vantaxes de internet na Aula Móbil de Movistar
O Roadshow visitou xa 16 localidades desde mediados de febreiro
Nesta primeira etapa, que rematará en maio, percorrerá un total de 34 municipios
A aula móbil conta con 18 postos con ordenador nos que, de xeito gratuíto, se levan a cabo diferentes demostracións sobre as utilidades da Rede
En mes e medio desde a súa posta en marcha un total de 2.415 persoas se achegaron a aula móbil de Movistar, que está a percorrer 34 municipios galegos co obxectivo de achegar as vantaxes e utilidades de internet á poboación rural. As accións céntranse nos municipios aos que o Plan de Banda Larga da Xunta e Movistar xa posibilitaron a conexión á rede.
Desde o inicio do seu percorrido en Cambre o 18 de en febreiro, o Roadshow visitou 16 municipios das catro provincias galegas e está previsto que continúe a súa ruta pola Comunidade ata mediados de maio.
Nas próximas semanas o Roadshow Movistar Galicia, que comezou o mes de abril nos municipios de A Pastoriza e Pol, visitará os concellos de Cedeira, Cabanas, Narón, Tui, Mondaríz, Salceda de Caselas, Ponteareas, Tomiño, O Rosal, Vilaboa, San Cibrao das Viñas, Rodeiro, Silleda, Abegondo, Vilalba e Lalín.
Achegar Internet á poboación
O Roadshow Movistar Galicia conta con 18 postos con ordenador nos que de xeito gratuíto se levan a cabo diferentes demostracións para ensinar a todo o que queira achegarse a facer unha compra online, solicitar unha cita médica ou consultar todo tipo de información -prensa, música, ofertas de emprego, partes meteorolóxicos, trámites coa Administración a través da sede electrónica da Xunta etc. -. A aprendizaxe está guiada en todo momento por persoal especializado de Telefónica.
O obxectivo do Roadshow Telefónica Movistar é mostrar á poboación as utilidades de navegar pola rede, como acción complementaria a actuación do Plan de Banda Larga de Xunta de Galicia adxudicada a Telefónica en setembro do pasado ano, e que dotará de acceso a Internet de aquí ao 2013 máis de 11.300 novos núcleos de poboación do rural galego. Deste plan beneficiaranse preto de 250.000 persoas, e Telefónica utiliza para o seu despregamento a moderna tecnoloxía 3 G-UMTS na banda de 900 MHz, con gran capacidade de propagación en zonas orográficamente complexas e capaz de alcanzar velocidades de ata 7 megas.
Informar a pé de rúa
Desde a Axencia para a Modernización e Galicia destácase como unha das vantaxes desta iniciativa a posibilidade de informar a pé de rúa ao cidadán dos avances do Plan de Banda Larga na súa localidade e tamén de xerar demanda de uso informando das vantaxes que internet lle pode proporcionar a cidadáns e empresas no día a día. O Plan está a cumprir obxectivos reducindo a fenda dixital en Galicia e proporcionando en menos de dous anos cobertura a máis de 460.000 galegos que carecían de conexión a Internet, o que supón diminuir nun 61% a poboación sen cobertura na Comunidade.
Para Teléfoncia este Roadshow constitúe exemplo máis do compromiso do operador para levar a Internet a toda Galicia, despregando infraestruturas modernas e eficientes, e agora mostrando tamén aos seus potenciais usuarios que o acceso a Rede pode facilitar moitas xestións cotiás da xente, mesmo das persoas maiores, que en principio poden ser máis remisas ás novas tecnoloxías.