Lucía Molares recibe a un grupo de mulleres emprendedoras que veñen de recoller o Premio de Excelencia á Innovación
A delegada territorial da Xunta en Vigo manifestou o seu apoio á candidatura que presentou a empresa Tu Menú Goián S.L. ante o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Marino
A iniciativa empresarial, impulsada por mulleres, comezou no ano 2006 e contou co respaldo da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) da Xunta
A pasada semana recolleron o Premio de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais 2011
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, ven de recibir a un grupo de mulleres emprendedoras que acaban de recoller o Premio de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais 2011.
A iniciativa empresarial, que naceu no ano 2006 baixo o nome Tu Menú Goián S.L. da man dun grupo de mulleres de Tomiño, presentou a súa candidatura aos Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais que convoca o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Marino. Lucía Molares amosou o seu apoio a esta candidatura no seu momento, e a semana pasada as súas responsables recolleron o galardón.
Deste xeito, este grupo de mulleres emprendedoras, lideradas por Diana e Raquel Carrera Sousa, reuníronse coa representante da Administración autonómica na cidade para trasladarlles o seu agradecemento e comunicarlle o resultado dos premios. Molares animounas a seguir traballando nesta liña xa que, coma dixo, por unha banda fomentan a igualdade de oportunidades no ámbito laboral e, por outra, son xeradoras de emprego cunha interesante iniciativa empresarial que ofrece produtos de calidade.
Tu Menú Goián S.L. é unha empresa de elaboración de comidas caseiras xa preparadas, destinadas a aquelas persoas que, debido as súas tarefas e traballos, carecen de tempo para cociñar pero non queren renunciar a unha alimentación saudable e variada.
O proxecto contou co respaldo da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) da Consellería de Medio Rural, e nestes momentos xa creou un total de 13 empregos directos e indirectos entre a sede central e as súas franquicias, conta con dous despachos en Tui e A Guarda e nos vindeiros días inaugurarán o terceiro en Baiona ademais de contratar con provedores de alimentos e bebidas da zona a maior parte da adquisición dos produtos cos que elaboran os seus menús.