Javier Guerra traslada aos bolseiros galegos o compromiso da Xunta cun sistema de investigación científica solvente e eficaz

Venres 29 de Outubro de 2010

Javier Guerra traslada aos bolseiros galegos o compromiso da Xunta cun sistema de investigación científica solvente e eficaz

O conselleiro de Economía e Industria mantivo hoxe un encontro co colectivo de investigadores bolseiros galegos para escoitar, de primeira man, as súas inquedanzas

Guerra avanzou aos investigadores que o Goberno galego está a elaborar as novas convocatorias dos programas de recursos humanos en base ás necesidades que lles teñen manifestado as universidades galegas

No proceso de elaboración das novas convocatorias participa a Consellería de Economía e Industria e a de Educación e Ordenación Universitaria, que será o departamento encargado de asumir a convocatoria deste programa, a partir de 2011

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, mantivo hoxe un encontro co colectivo de investigadores bolseiros galegos para escoitas, de primeira man, as súas inquedanzas e trasladarlles “o compromiso da Xunta co fornecemento dun sistema de investigación e desenvolvemento no eido científico solvente e eficaz”.

No transcurso da reunión, celebrada na Consellería de Economía e Industria, Guerra avanzou aos investigadores galegos que o Goberno da Xunta está a elaborar as novas convocatorias dos programas de recursos humanos, en base ás necesidades que teñen que elaborar as universidades galegas.

Neste sentido, cómpre lembrar que recentemente o director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla, mantivo unha xuntanza co secretario de Universidades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, José Alberto Díez, o vicerreitor de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela, Francisco González; a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, María Asunción Longo, e a vicerreitora de Investigación da Universidade da Coruña, Concepción Herrero, coa finalidade de que estes remitan as necesidades das tres universidades de cara a convocatoria de novas axudas.

O conselleiro de Economía e Industria lembrou que este proceso se está a desenvolver en plena coordinación coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que será o departamento encargado de asumir o liderado destes programas, a partir do 2011.

Deste xeito, Javier Guerra destacou que “o Goberno galego atópase fortemente implicado na tarefa de acelerar a transición até un modelo económico baseado na xeración de coñecemento”, unha estratexia na que “a formación de recursos humanos constitúe un dos activos prioritarios”.

O conselleiro concluíu que dende a Xunta de Galicia “mantense unha aposta, sen fisuras, pola formación de profesionais capaces de involucrarse na creación de valor e mais no fornecemento dun modelo sustentable para a I+D+i galega”.