Javier Guerra salienta que a divulgación da ciencia entre os máis novos “permitirá unha Galicia máis forte e competitiva no futuro”
O conselleiro de Economía e Industria visita o espectáculo “Ciencia ou Ficción” no que se realizan experimentos que permiten entender que ocorre detrás das cámaras para construír o mundo de ficción do cine
Os ‘Espectáculos de Ciencia’ enmárcanse no eixo estratéxico de divulgación do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (i2C), que ten como obxectivo promover a celebración deste tipo de actividades durante todo o ano
En total, son catro os espectáculos propostos en colaboración coa Fundación Barrié: Ciencia ou Ficción, Raios e Centellas!, Forzas e Enerxía, e Maxia e Química
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, presentou hoxe os “Espectáculos de Ciencia” que están a percorrer as sete cidades galegas, para achegarse a máis de 8.000 futuros investigadores e emprendedores galegos. O titular de Economía e Industria acudiu hoxe na sede da Fundación Barrié na Coruña ao espectáculo “Ciencia ou Ficción” no que se realizan experimentos que permiten aos estudantes entender mellor o que ocorre detrás das cámaras para construír o mundo de ficción que mostra o cine.
Estes ‘Espectáculos de Ciencia’, organizados en colaboración coa Fundacion Barrié, forman parte das actividades para conmemorar o 20 aniversario de Tecnópole- Parque Tecnolóxico de Galicia, enmarcadas no eixo estratéxico de divulgación do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (i2C), que ten como obxectivo promover a celebración deste tipo de actividades durante todo o ano.
Neste sentido, Javier Guerra sinalou que “a Consellería quere espertar a vocación científica nos alumnos de secundaria, bacharelato e ciclos formativos” porque “eles xerarán o coñecemento que nos axudará a ser máis fortes e competitivos, xa que o futuro de Galicia pasa por un modelo produtivo baseado no coñecemento”.
O conselleiro de Economía e Industria animou persoalmente aos máis novos a descubrir a ciencia “perdendo o medo a preguntar” e sinalou que con esta experiencia “intentamos espertar a curiosidade dos máis novos, sembrando neles o interese pola ciencia”.
Guerra engadiu que o aniversario de Tecnópole “é o mellor escenario para impulsar o salto cara a unha cultura empresarial baseada na innovación” e lembrou que o traballo da Consellería co Parque Tecnolóxico de Galicia permitiu reforzar as iniciativas orientadas á divulgación da ciencia e a tecnoloxía.
Neste sentido, os ‘Espectáculos de Ciencia’ supoñen un reto importante para Tecnópole, xa que por primeira vez trasladará a súa actividade divulgativa a localidades de toda Galicia, durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio.
Estas sesións duran 50 minutos, adáptanse ao nivel académico dos alumnos e complétanse con guías didácticas, para que os profesores poidan sacar o maior proveito da experiencia na clase, afondando nos coñecementos adquiridos.
En total, son catro os espectáculos propostos: Ciencia ou Ficción, Raios e Centellas!, Forzas e Enerxía, e Maxia e Química. Neste mes, os rapaces poderán participar no primeiro deles, para descubrir con películas como Mars Attacks, Tiburón, ou a Guerra das Galaxias o que ocorre detrás das cámaras.
En marzo, porase en marcha o espectáculo Raios e Centellas!, con demostracións con electricidade estática para axudar a entender os principios físicos que rexen o comportamento da electricidade. Mais adiante, en abril, a actividade Forzas e Enerxía amosará as forzas e enerxías ás que todos estamos sometidos, aínda que resulten invisibles e, por último, en maio co espectáculo de Maxia e Química explicaranse as razóns científicas de trucos como fritir un ovo sen calor, dobrar culleres co poder da mente, converter a auga en viño ou conxelar líquidos cun toque de variña máxica.