Javier Guerra salienta a importancia dos centros tecnolóxicos na xeración da I+D+i orientada á mellora competitiva da empresa galega
O conselleiro de Economía e Industria participou na presentación da Asociación de Centros Tecnolóxicos de Galicia (Atiga) que suma activos por 63 millóns e 1.400 empresas como clientes
Os centros tecnolóxicos mobilizan co Programa Interconnecta, promovido pola Xunta, preto de 8 millóns de euros
Guerra lembra que coa nova Lei de Innovación que estase a tramitar buscase que cada euro destinado a I+D teña un resultado concreto en beneficio da sociedade galega
O conselleiro avanza que a Axencia Galega da Innovación está a deseñar a convocatoria de contratos-programa para apoiar a actividade investigadora e innovadora dos centros de coñecemento galegos
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, salientou hoxe a importancia dos centros tecnolóxicos no labor de xerar unha I+D+i con resultados, que poidan trasladarse ás empresas galegas para mellorar a súa competitividade. O titular de Economía e Industria fixo estas declaracións na presentación da Asociación de Centros Tecnolóxicos de Galicia (Atiga) formada polo Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (Ctag), a Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (Aimen) e a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados e Mariscos - Centro Técnico Nacional de Conservación de Produtos de Pesca (Anfaco-Cecopesca).
Javier Guerra salientou que cada un dos centros tecnolóxicos deste novo consorcio traballa para xerar valor engadido na empresa galega a través da innovación e apuntou que a unión dos seus esforzos, nesta nova Asociación, traerá consigo importantes vantaxes a practicamente todos os sectores da industria galega. O conselleiro sinalou que os membros de Atiga suman un volume de ingresos de 35 millóns, cuns activos conxuntos que superan os 63 millóns de euros, un equipo de 700 traballadores e unha carteira de clientes que suma 1.400 empresas, en 27 países diferentes.
Nova Lei de innovación
O titular de Economía e Industria destacou o papel dos centros tecnolóxicos eficientes no cambio de modelo na xestión da I+D+i que propón o Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento da Xunta. Neste sentido, subliñou que na actual conxuntura económica é fundamental captar investimentos e aproveitar todos os recursos ao dispor da innovación en Galicia, unha das bases fundamentais da Lei de Investigación e Innovación que estase a tramitar e que acaba de ser aprobada no Consello da Xunta. A normativa permitirá un novo marco, no que se promove a colaboración entre o ámbito público e privado, buscando que cada euro destinado a I+D teña un resultado concreto en beneficio da sociedade galega.
Interconnecta
Guerra lembrou que un dos obxectivos prioritarios da Consellería que dirixe é esgotar o 100% do Fondo Tecnolóxico Europeo que xestiona o Goberno central e tamén do que depende do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI). De xeito que o conselleiro considerou unha “moi boa nova” que se teña conseguido pasar dun 5% no aproveitamento deste último fondo, ao comezo da lexislatura, ao 50% actual.
Guerra referiuse, en concreto, ao Programa Interconnecta como unha das claves neste cambio de orientación e lembrou que ao abeiro desta iniciativa mobilizáronse 61,5 millóns de euros de investimentos, para impulsar 26 proxectos innovadores de desenvolvemento público-privados, nos que participan 106 empresas galegas. Guerra explicou que as empresas son as grandes beneficiarias deste programa, apoiadas, por suposto, polos Centros Tecnolóxicos que mobilizarán grazas a esta iniciativa preto de 8 millóns de euros.
Contratos-Programa a prol da eficiencia
Por outra banda, neste obxectivo a prol da xestión eficiente da I+D+i, Javier Guerra tamén avanzou que desde a Axencia Galega de Innovación estase a deseñar a convocatoria de contratos programa, para apoiar a actividade dos centros de coñecemento, entre os que terase moi en conta a labor dos Centros Tecnolóxicos máis eficientes.
Mediante unha convocatoria pública competitiva identificaranse as propostas con maior capacidade de valorización do coñecemento a través da transferencia tecnolóxica (colaboración con empresas, particularmente pemes) e cada proposta seleccionada dará lugar a un contrato-programa, suxeito ao cumprimento de compromisos e indicadores de resultados concretos.