Javier Guerra presenta o decreto de infraestruturas de carga para o vehículo eléctrico que sitúa Galicia á vangarda da electromobilidade

Venres 18 de Marzo de 2011

Javier Guerra presenta o decreto de infraestruturas de carga para o vehículo eléctrico que sitúa Galicia á vangarda da electromobilidade

O conselleiro de Economía e Industria apunta que Galicia “posiciónase en primeira liña para aplicar un cambio de modelo que reduza as emisións contaminantes, elimine a dependencia dos derivados de petróleo cunha aposta firme polas renovables e contribúa de xeito decidido a unha maior eficiencia enerxética da man dun impulso definitivo para o sector da automoción galego”

O decreto, pioneiro en España, xunto con todas as accións que conforman a estratexia da Consellería de Economía e Industria a prol da electromobilidade, “vai repercutir de xeito moi positivo no desenvolvemento económico de Galicia, e na I+D+i no eido da electromobilidade, favorecendo o noso posicionamento competitivo nun mercado de clara proxección de futuro”

O decreto propón un marco xeral no que se contemplan todos os aspectos técnicos, xurídicos e administrativos das infraestruturas de carga de vehículos eléctricos para que Galicia sexa pioneira na implantación e utilización destes vehículos

Galicia xa ten definida unha rede primaria de infraestruturas de carga para o vehículo eléctrico en Galicia, que contará con medio millar de puntos de abastecemento espallados por toda a xeografía galega

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, presentou hoxe o decreto de infraestruturas de carga do vehículo eléctrico que “situará a Galicia á vangarda do desenvolvemento da electromobilidade para avanzar na estratexia trazada pola Xunta de camiñar cara unha mobilidade sostible e respectuosa co medio ambiente”.

“Galicia posiciónase en primeira liña para aplicar un cambio de modelo –explicou-, e a Consellería de Economía e Industria traballa para desenvolver un cambio de paradigma que reduza drasticamente as emisións contaminantes, elimine a dependencia dos derivados de petróleo cunha aposta firme polas renovables e contribúa de xeito decidido a unha maior eficiencia enerxética da man dun impulso definitivo para o sector da automoción galego”.

Javier Guerra apuntou que o decreto, pioneiro en España, xunto con todas as accións que conforman a estratexia da Consellería de Economía e Industria a prol da electromobilidade, “vai repercutir de xeito moi positivo no desenvolvemento económico de Galicia, xa que contamos co polo da automoción máis importante de España e con iniciativas que se van a desenvolver na nosa Comunidade e que nos van a permitir estar á vangarda do I+D+i no eido da electromobilidade, favorecendo o noso posicionamento competitivo nun mercado de clara proxección de futuro”.

O decreto elaborado pola Consellería de Economía e Industria, que agora será obxecto de información pública, propón un marco xeral no que se contemplan todos os aspectos técnicos, xurídicos e administrativos das infraestruturas de carga de vehículos eléctricos para que Galicia sexa pioneira na implantación e utilización destes vehículos.

O obxecto último deste decreto, salientou o conselleiro de Economía e Industria, que será analizado e debatido por todos os axentes implicados, é sentar as bases para enfrontar con garantías o futuro inminente que supón a chegada do vehículo eléctrico, e afondar nos valores innovadores e de respecto ao medio ambiente que supón a decidida aposta deste Goberno de traballar para diminuír o incremento das emisións de efecto invernadoiro derivado do actual modelo de mobilidade baseado nos motores de combustión interna, ademais de avanzar na soberanía enerxética da man das renovables.

Javier Guerra avanzou que o decreto regulará a normativa técnica que deben cumprir as infraestruturas de carga en Galicia, e as directrices esenciais que deberán terse en conta para levar a cabo a súa implantación de forma ordenada e planificada en todos os ámbitos, coa finalidade de garantir a súa existencia como dotación necesaria ao servizo dos cidadáns, nos lugares aptos para os usuarios do vehículo eléctrico.

Deste xeito, contémplase a instalación destas infraestruturas en vivendas unifamiliares, aparcadoiros ou garaxes colectivos, tanto de uso público como privado, e en todas as vivendas e edificacións de nova construción. Por outra banda, establécense mecanismos de coordinación para que os instrumentos de planeamento urbanístico contemplen as reservas de solo para a implantación das infraestruturas de carga do vehículo eléctrico.

Asemade, o decreto regulará os deberes dos usuarios, e os requisitos que terán que cumprir as actividades de promotor, xestor, instalador e proxectista das instalacións, ademais de crear os rexistros de xestores do servizo de carga o de estacións de carga.

Liderado

Javier Guerra reiterou a necesidade impulsar accións “dirixidas a converter a Galicia nunha rexión líder en mobilidade sostible para alacanzar unha capacidade de desenvolvemento tecnolóxico e industria en vehículos eléctricos que permita manter e incrementar a actividade e a competitividade da industria da automoción galega, cunha aposta decidida por unha política enerxética eficiente, polo que para acadalo, a Consellería de Economía e Industria iniciará e impulsará todas as actuacións legalmente necesarias para fomentar a implantación do vehículo eléctrico”.

Deste xeito, o conselleiro lembrou que Galicia xa ten definida unha rede primaria de infraestruturas de carga para o vehículo eléctrico en Galicia, que contará con medio millar de puntos de abastecemento espallados por toda a xeografía galega. Esta rede estará presente nos ámbitos interurbanos, intraurbanos, da man das gasolineras, e permitirá a posta en marcha, nun primeiro momento, de 7 estacións multifuncionais de electromobilidade demostrativas nas sete cidades galegas en colaboración co Clúster da Automoción.