Javier Guerra destaca que co impulso do Plan I2C da Xunta o investimento privado en innovación multiplicouse por dous nos últimos tres anos

Venres 04 de Maio de 2012

Javier Guerra destaca que co impulso do Plan I2C da Xunta o investimento privado en innovación multiplicouse por dous nos últimos tres anos

O conselleiro de Economía e Industria salientou nun almorzo informativo en Vigo que o cambio de tendencia reflíctese nos investimentos das empresas galegas en proxectos innovadores que pasaron do 23%, ao inicio da lexislatura, ao 50% actual

Afirmou que para incrementar a competitividade das empresas galegas é imprescindible pasar da “innovación pola subvención” á “innovación por convicción” na busca dunha maior eficiencia

Subliñou que a Xunta conseguiu multiplicar por dez a capacidade de xestión do Fondo Tecnolóxico Europeo asignado a Galicia, que chegará ao 100% de execución a finais de 2013

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, destacou hoxe que co impulso do Plan I2C, o investimento privado en innovación multiplicouse por dous nos últimos tres anos, pasando do 23% ao inicio da lexislatura, ata o 50% actual. Recalcou o conselleiro que isto responde ao cambio de tendencia na cultura empresarial galega, no que traballa o Goberno galego coa fin de estimular o investimento privado en innovación e de dinamizar o aproveitamento do fondo tecnolóxico europeo. Neste sentido, apuntou que é fundamental a aposta pola innovación como clave para o crecemento económico de Galicia, baseada na mellora da competitividade empresarial.

O conselleiro subliñou, nun almorzo informativo en Vigo no marco do Fórum Europa.Tribuna Galicia, que desde o inicio da lexislatura plantexouse como "imprescindible" un cambio de rumbo na concepción, planificación e execución das políticas nas que viña articulándose o sistema galego de I+D+i, xa que non producían resultados eficientes.

Deste xeito, salientou que hoxe, por medio do Plan i2C posto en marcha pola Xunta, estase a traballar no artellamento dunha cultura presidida pola "innovación por convicción" non só por subvención, para a que cómpre facer un esforzo na captación, formación e retención do talento, máis aló do ámbito científico e tecnolóxico, xa que "o talento ten que entrar nas empresas", recalcou.

Guerra destacou que o plan i2C (Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011- 2015) reflicte a necesidade de que tanto a Xunta como os axentes do sistema galego de I+D+i, estean orientados a unha investigación e innovación con espírito empresarial: "innovar supón o incremento da competitividade, da produtividade, das ventas e polo tanto, da creación de emprego", sinalou.

Javier Guerra sinalou que este cambio de tendencia impulsado desde a Xunta reflíctese claramente no programa Interconnecta, desenvolto en colaboración co CDTI, co que se mobilizaron máis de 60 millóns de euros para impulsar proxectos innovadores de desenvolvemento público-privado, cunha forte implicación das empresas, universidades e centros tecnolóxicos. En total, 106 empresas galegas formaron parte dos 26 proxectos desenvoltos e se está a traballar xa nunha segunda edición do Programa Interconnecta, cuxa convocatoria estará aberta en xuño, co obxectivo de chegar aos 150 millóns de euros en proxectos innovadores. Este programa está a influír directamente no obxectivo da Xunta con respecto ao aproveitamento do Fondo Tecnolóxico europeo asignado para Galicia, que conseguiu multiplicar por dez a capacidade de xestión desde o inicio da lexislatura (cando atopábase só nun 5% cento) e que chegará ao 100% de execución ao fin de 2013.

Por iso, o conselleiro recalcou que segue a ser necesaria unha maior implicación das empresas e afirmou que o Goberno seguirá a apoiar proxectos de alto impacto que requiran de cofinanciamento e dun esforzo inversor por parte das empresas. Neste sentido, contan co impulso e o respaldo da Xunta que pon ao dispor das empresas galegas 20 millóns de euros por medio do novo Fondo de Capital Risco i2C, destinado a proxectos de innovación nas pemes.

Ademais, salientou o paso adiante que supón a posta en marcha da nova Axencia Galega de Innovación e máis a nova lei de apoio á innovación que está a deseñar a Xunta de Galicia co obxectivo de dar un impulso definitivo a construción dun novo modelo baseado no coñecemento.