Javier Guerra anuncia o programa “Talentgalia” adicado a captar investigadores de primeiro nivel cunha dotación de máis de 12 millóns de euros
O conselleiro de Economía e Industria avanzou que TalentGalia forma parte dunha estratexia de Goberno destinada á incorporación de investigadores de alto nivel de excelencia
Guerra reiterou o compromiso da Consellería de Economía e Industria co desenvolvemento eficiente da I+D+i galega e lembrou que a Xunta no 2010 destinou 25 millóns de euros aos programas de recursos humanos dos que se beneficiaron 852 investigadores
Os 64 contratos ofertados desenvolveranse en 11 institucións de investigación do Sistema Galego de I+D+i
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, anunciou hoxe o novo programa “TelentGalia”, adicado á captación de investigadores de primeiro nivel coa finalidade de fortalecer o sistema da I+D+i galega. Guerra avanzou as características deste novo programa para captar talento destinado aos centros tecnolóxicos e de investigación, cun orzamento superior aos 12 millóns de euros.
O conselleiro de Economía e Industria reiterou o compromiso do Goberno autonómico co desenvolvemento eficiente da I+D+i galega e lembrou que a Xunta no 2010 destinou 25 millóns de euros aos programas de recursos humanos dos que se beneficiaron 852 investigadores, e que foron reforzados na presente lexislatura nun 104% con respecto aos derradeiros anos de goberno do anterior Executivo, unha decisión económica que ten suposto un significativo esforzo orzamentario para o actual Goberno da Xunta de Galicia.
TalentGalia forma parte dunha estratexia de Goberno destinada á incorporación de investigadores de alto nivel de excelencia, no marco dun programa dirixido a incrementar o nivel da investigación e innovación en Galicia, con profesionais que liderarán proxectos innovadores e de futuro.
O conselleiro de Economía e Industria explicou que ao abeiro de TalentGalia desenvolverase un programa de contratos para a captación de investigadores senior por parte de 11 institucións de investigación do Sistema Galego de I+D+i.
O proxecto estará en vigor durante o período 2011-2014 e será financiado cun orzamento de 12,28 millóns de euros, “o que supón un verdadeiro esforzo orzamentario por parte da Consellería de Economía e Industria a favor da captación de talento para o desenvolvemento da innovación en Galicia” .
Segundo Guerra, o obxectivo do programa é a selección e captación de 64 investigadores senior, e o 70% dos seleccionados serán candidatos con alto grao de experiencia, máis de 10 anos, e o 30% dos investigadores contarán con máis de 5 anos de experiencia.
Ademais, os 64 contratos ofertados desenvolveranse en 11 institucións de investigación do Sistema Galego de I+D+i: Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña, Universidade de Vigo, Aimen (Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste), CTAG (Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia), Gradiant (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia), Anfaco (Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos), Cetpec (Centro Tecnolóxico da Pesca), EnergyLab, Cesga (Centro de Supercomputación de Galicia) e Inibic (Instituto de Investigación Biomédica da Coruña).
Estas institucións participarán no proceso de captación, selección e integración dos investigadores e a súa implicación no proxecto inclúe a adquisición de compromisos que pasan por acompañar, tutelar, integrar e avaliar aos investigadores; ofrecerlles a formación complementaria que precisen; aproveitar o programa para a inserción de dinámicas de innovación eficaces nas súas organizacións e reter ao maior número de investigadores posible.