Impulsar o uso do comercio electrónico nas pemes é o obxectivo das xornadas que se celebran hoxe e mañá no Centro Demostrador TIC
A Xunta de Galicia colabora co Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo na celebración destas sesións enmarcadas dentro do programa “Vendes por Internet?”
Os talleres formativos van orientados aos autónomos e pequenos empresarios que busquen abrir unha nova canle de negocio a través do e-commerce
As sesións tiveron unha moi boa acollida entre as pequenas e medianas empresas xa que as prazas foron esgotadas aos poucos días de abrir o prazo de inscrición
O Centro Demostrador TIC de Galicia acolle hoxe e mañá catro sesións formativas no marco do programa “¿Vendes en internet?” promovido polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo en colaboración coa Xunta de Galicia.
“¿Vendes en Internet?” é unha iniciativa que busca aumentar o número de empresas que vendan a través da rede e promove a creación dunha oferta de calidade en cada segmento de actividade. Para elo, púxose en marcha diferentes accións distribuídas en tres líneas de actuación, que aportan as ferramentas para iniciar ou potenciar o e-commerce: sesións de formación, servizo de asesoramento personalizado e a creación do portal www.vendeseninternet.es.
As sesións que se celebrarán no CDTIC pretenden dar resposta ás principais dúbidas das empresas cando se inician no comercio electrónico. Desde como pasar do negocio tradicional á venda por internet ata coñecer que é o marketing dixital, de que medios de pagos se dispón ou que barreiras xurídicas existen, entre outras cuestións.
As prazas esgotáronse aos poucos días de abrir o prazo de inscrición, a pesar de ampliar o aforo inicial co obxectivo de dar resposta á demanda xerada entre autónomos, pequenos e medianos empresarios interesados en asistir aos talleres.
Asesoramento e portal web
O programa tamén ofrece ás pemes e autónomos un servizo de asesoramento personalizado, que resolverá consultas concretas tanto online como presencialmente durante as sesións. Así mesmo, o portal web www.vendeseninternet.es que está dispoñible para todos os interesados e inclúe información relativa á formación, casos de éxito, etc.
CDTIC
O Centro Demostrador TIC, posto en marcha pola Xunta de Galicia, constitúe un espazo de referencia co obxecto de difundir as vantaxes da incorporación de TIC en pemes, impulsando a creación de espazos de encontro entre a oferta do sector TIC e a potencial demanda de pemes, difundir as vantaxes da incorporación das TIC aos procesos produtivos, facilitar a transferencia de tecnoloxía, servizos especializados e coñecemento entre o sector TIC e as pemes, así como a de asesorar, capacitar e formar tecnoloxicamente ás empresas.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través da entidade pública empresarial Red.es.