Galicia será a primeira comunidade en contar cun sistema de envío telemático de solicitudes de cooperación xudicial

Venres 22 de Xullo de 2011

Galicia será a primeira comunidade en contar cun sistema de envío telemático de solicitudes de cooperación xudicial

O proxecto piloto, en cuxa posta en marcha colaboran Xunta e Consello Xeral do Poder Xudicial, desenvolverase nos xulgados de Pontevedra

A posibilidade de itinerar os exhortos de xeito electrónico incidirá na redución de tempos na súa tramitación, mantendo as garantías xurídicas

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o vocal do Consello Xeral do Poder Xudicial Manuel Almenar, presentaron hoxe na Audiencia Provincial de Pontevedra iniciativa que vai permitir o envío telemático entre distintos xulgados das solicitudes de cooperación xudicial, os coñecidos como exhortos, eliminando deste xeito o papel e axilizando os trámites.

Segundo explicaron Rueda e Almenar, os envíos faranse a través do Punto Neutro Xudicial do Consello e o feito de que se faga de xeito electrónico incidirá na redución de tempos na súa tramitación e na simplificación da tramitación administrativa, sen que se produza ningunha perda de garantías xurídicas.

O proxecto piloto levase a cabo na cidade de Pontevedra, onde xa o pasado 1 de xullo os técnicos da Xunta realizaron probas do servizo de itineración de exhortos entre o Xulgado Social número3 e o Xulgado Mercantil número 2. Os secretarios xudiciais dos órganos utilizados como piloto valoraron a experiencia como positiva.

Así, o sistema permite unha maior eficacia e axilidade, evitando trámites que ata o momento se fan por escrito e a través de envíos postais. Tan só na provincia de Pontevedra e no primeiro semestre do ano se fixeron case 23.000 exhortos, dos cales máis de 4.500 procedían doutras Comunidades Autónomas. A nivel galego, realízanse uns 100.000 exhortos cada ano, solicitudes que se viñan realizando en papel e que poderán ser canalizados a través deste novo servizo.

O obxectivo é que, cando o proxecto estea rematado, se poidan enviar e devolver exhortos entre as distintas sedes xudiciais de Galicia e entre xulgados de todas as Comunidades Autónomas.

Plan Senda 2014
Esta iniciativa enmárcase nas actuacións do Plan Senda 2014 que ten como obxectivo modernizar a  Xustiza en Galicia mellorar os servizos, equipamentos e infraestruturas tecnolóxicas do ámbito xudicial galego, tal e como explicou a secretaria xeral de Modernización da Xunta, Mar Pereira, quen tamén estivo no acto.

Así segundo o previsto no plan, ao longo do segundo semestre do ano continuarase o proceso de renovación dos  ordenadores cunha antigüidade superior aos 5 anos, grazas ao cal xa se renovaron uns 1.000 equipos nas sedes de A Coruña, Ferrol, Vigo e Santiago. Durante o segundo semestre de 2011 completarase este proceso coa substitución doutros  500 equipos nas sedes de Pontevedra, Lugo, Ourense.  Con esta actuación renovarase o 87 por cento dos postos de traballo.

Ademais, ampliaranse en 22 os  servizos de videoconferencia nos órganos xudiciais de Galicia e facilitaranse  sistemas  de videoconferencia  persoal para xuíces e fiscais. Estes servizos están cofinanciados con Fondos Feder.

Por outra banda, completarase a implantación do sistema de intercambio seguro de información Lexnet nos órganos xudiciais da provincia de Pontevedra, Lugo e Ourense. Actualmente contan con esta aplicación máis de 100 órganos xudiciais da provincia da Coruña