Galicia rexistrou en 2011 preto de 2.000 empresas tecnolóxicas, un 7,4% máis que en 2010

Domingo 26 de Febreiro de 2012

Galicia rexistrou en 2011 preto de 2.000 empresas tecnolóxicas, un 7,4% máis que en 2010

O emprego no sector TIC galego mantivo ao longo de 2011 unha media de 15.855 traballadores, case a mesma cifra que o ano anterior

Estes profesionais representan o 1,6% do total de afiliacións á seguridade social en Galicia durante o ano pasado

A provincia da Coruña concentra máis da metade do emprego do sector TIC da Comunidade

O conxunto do Sector da Economía do Coñecemento, que aglutina aos sectores Tecnolóxico, de Contidos e Medios de Información, Editorial, Axencias de Publicidade e da Biotecnoloxía, empregou a máis de 31.700 persoas en Galicia en 2011

O número das empresas do sector tecnolóxico galego creceu un 7,4% no período 2010-2011, situándose o ano pasado nun total de 1.897. Este sector, empregou en Galicia a 15.855 traballadores en 2011, practicamente o mesmo número que en 2010, cun pequeno crecemento nos empregados do réxime xeral mentres que diminúe o número de autónomos.

O emprego do sector TIC representou o 1,6% do total afiliacións á seguridade social en Galicia durante o ano 2011, 15.855 traballadores fronte a un total de 980.280 afiliacións, unha proporción que se mantén desde o 2009.

Son datos recollidos na análise realizada polo OSIMGA sobre a situación do Emprego no Sector das TIC e no Sector da Economía do Coñecemento en Galicia durante o 2011, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

Estas cifras constatan que mesmo no contexto económico actual, o sector tecnolóxico galego mantén o nivel de emprego e incluso incrementa o número de empresas, demostrando a súa capacidade de crecemento e a posibilidade de consolidar un sector estable laboralmente.

Cabe salientar que esta tendencia vén sendo confirmada polos últimos datos do conxunto do Estado, onde as empresas TIC manteñen unha ampla porcentaxe de contratación fixa sen apenas variacións durante catro anos consecutivos. (Concretamente, esta situouse no 84,5% en 2011, segundo o último ”Estudio sobre salarios y política laboral en el Hipersector TIC” de AMETIC.).

O emprego no Sector TIC de Galicia 2011

A análise, que recolle datos do IGE e do INE, reflicte a baixa a presenza das mulleres  nas empresas TIC. En 2011 traballaban no sector tecnolóxico 6.118 mulleres fronte a 9.737 homes, o que se traduce nunhas porcentaxes do 38,5% de mulleres fronte ao 61,5% de homes.

Por provincias, a da Coruña é a que concentra máis da metade do emprego do sector TIC, con 8.570 traballadores do sector TIC, que representan o 54,1% do total de emprego deste sector. A continuación, sitúase Pontevedra con 4.833 traballadores, un 30,5% do total do emprego do sector TIC. Lugo con 1.410 traballadores TIC e Ourense con 1.043 representan un 8,9% e un 6,5% do emprego no sector.

O emprego no Sector da economía do coñecemento

A análise, elaborada polo Osimga recolle tamén os datos do emprego no sector da Economía do Coñecemento, que aglutina aos sectores Tecnolóxico, de Contidos e Medios de Información, Editorial, Axencias de Publicidade e da Biotecnoloxía.

En 2011 o nivel de emprego neste sector situouse nos 31.743 traballadores, preto da metade dos empregados proceden do sector TIC (49,9%), o 19% da área de Contidos e Medios de Información, o 11,5% do Sector Biotecnoloxía, un 10,6% do Sector editorial e un 9% das Axencias de publicidade.

En canto á distribución segundo o tipo de réxime da Seguridade Social, un 80,3% dos traballadores do sector da economía do coñecemento cotizaron no réxime xeral e un 19,7% eran autónomos durante o ano 2011.

En canto á distribución por sexo, catro de cada dez traballadores do sector da economía do coñecemento son mulleres. A provincia da Coruña concentra tamén máis da metade do emprego do sector da economía do coñecemento, con 17.030 traballadores/as, que representan o 53,6% do total de emprego deste sector; seguido de Pontevedra con 10.367 persoas (32,7%),  Lugo con 2.498 (7,9%) e Ourense con 1.849 (5,8%).

O emprego do Sector da Economía do Coñecemento representou o 3,2% do total afiliacións á seguridade social en Galicia durante o ano 2011, 31.743 traballadores fronte a un total de 980.280 afiliacións.

EMPREGO NO SECTOR DA ECONOMÍA DO COÑECEMENTO DE GALICIA. PROMEDIO 2011

  

Fonte: elaboración do OSIMGA a partir de datos proporcionados polo IGE procedentes dos ficheiros de afiliacións e contas de cotización facilitados pola Seguridade Social. Media de xuño e decembro 2011