Galicia reduce a fenda dixital no uso das TIC entre a cidadanía respecto a 2009 aínda que a un ritmo menor do desexable

Venres 01 de Outubro de 2010

Galicia reduce a fenda dixital no uso das TIC entre a cidadanía respecto a 2009 aínda que a un ritmo menor do desexable

O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia vén de analizar os últimos datos do INE sobre o equipamento e uso das TIC nos fogares en 2010

Constátase unha evolución positiva na penetración das novas tecnoloxías entre os galegos aínda que a Comunidade segue a rexistrar valores inferiores en varios indicadores relativos á sociedade da información

No caso de acceso e uso de ordenador, internet e banda larga a posición de Galicia é inferior ao conxunto do Estado aínda que crece en todos os casos

A Comunidade ocupa unha posición destacada nos usos avanzados da Rede por parte dos internautas, no emprego da Administración e a banca electrónica ou na dispoñibilidade do DNI electrónico

O Goberno galego, a través de 2010.gal Axenda Dixital de Galicia, contempla medidas co obxectivo de converxer coa Unión Europea nos indicadores esenciais de emprego das TIC en fogares, pemes e autónomos

Os últimos datos proporcionados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre equipamento e uso das tecnoloxías da información e comunicación nos fogares correspondentes ao ano 2010 constatan unha evolución positiva na penetración das novas tecnoloxías entre os galegos aínda que a Comunidade segue a rexistrar valores inferiores en varios indicadores relativos á sociedade da información, condicionada por factores xeográficos e socioeconómicos.

No caso de acceso e uso de ordenador, internet e acceso a banda larga a posición da Comunidade Autónoma é inferior ao conxunto do Estado aínda que se incrementa en todos os casos con respecto a 2009 e nalgúns indicadores o ritmo de crecemento é superior ao do resto das comunidades. Galicia ocupa unha posición destacada nos tramos de idade máis novos e nos usos avanzados da Rede por parte dos internautas galegos (descarga de software, lectura de revistas en liña...) , no emprego da Administración e banca electrónica ou na dispoñibilidade do DNI electrónico.

Equipamento TIC dos fogares galegos
Segundo os datos que ofrece o INE, o 61,6% dos fogares galegos dispón dalgún ordenador, o que supón un incremento do 5,3% con respecto aos datos do ano anterior. A media estatal (68,7%) rexistrou un incremento (3,6%) inferior á media galega. Por tipo de ordenador, o de sobremesa ou PC está presente no 42,7% dos fogares, mentres que os portátiles atópanse no 39,6%. No último ano obsérvase nos fogares galegos un retroceso no nivel de equipamento de PCs e un crecemento do 25,3% no de portátiles, obedecendo a unha tendencia xeral do mercado.

A conexión a Internet está presente no 48,9% dos fogares galegos fronte ao 59,1% que rexistra o conxunto do Estado. A conexión á Rede en Galicia experimentou un incremento do 15,6% con respecto a 2009 mentres que o crecemento deste indicador para o conxunto do Estado foi dun 9,4%. Cabe destacar a importante evolución experimentada pola tecnoloxía de banda larga nos fogares galegos: un 46,5% do conxunto da poboación conéctase a Internet mediante banda larga (un 21,4% máis ca no ano 2009) mentres que no conxunto do Estado o incremento foi apenas dun 11,9%.

Aínda que o ritmo de crecemento da conexión de banda larga é superior en Galicia, constátase que a Comunidade segue a ocupar os últimos postos no contexto autonómico xa que o 57,4% dos fogares do conxunto do Estado xa acceden á Rede a través de banda larga, 10,9 puntos porcentuais máis que a media galega.

As principais formas de conexión a Internet a través de banda larga en Galicia son o ADSL (55,6% dos fogares con conexión a Internet) e o cable (31,9% dos fogares con conexión a Internet). No caso da modalidade de cable, Galicia conta cunha vantaxe de 14,5 puntos porcentuais con respecto á media estatal. Cabe salientar que entre as vivendas que dispoñen de acceso a Internet en Galicia un 22,9% accede mediante conexión móbil de banda larga, 11,2 puntos máis que a media estatal.

Entre os principais motivos aducidos para non dispoñer de Internet na vivenda destaca a falta de interese ou utilidade (58,2%), e os escasos coñecementos para utilizar a Rede (34,8%) nunha proporción semellante á media estatal.

O hábitat poboacional é en xeral un dos factores que determinan claramente a fenda dixital existente en Galicia. Nos núcleos urbanos acádase a converxencia co noso contorno mentres que se manteñen as diferenzas no rural. Así, concretamente para a conexión a Internet, a porcentaxe de galegos con conexión á Rede nos núcleos de poboación de 50.000 a 100.000 habitantes é do 65,7%, 4,1 puntos máis que o conxunto do Estado. Nos núcleos de menos de 10.000 habitantes este indicador sitúase no 33,8% en Galicia fronte aos 47,3% do Estado, medrando un 18,6% respecto ao ano 2009.

Uso das TIC
O 57,8% dos galegos e galegas utilizaron o ordenador nos últimos tres meses, un 6,4% máis que no ano 2009. A media estatal sitúase no 67,4%, 9,6 puntos por riba do valor do indicador para Galicia. Un 53,6% da poboación galega empregou Internet nos tres últimos meses, cun incremento do 7,6%, con respecto ao ano anterior.

A enquisa do INE tamén indica que se está a producir un paulatino incremento das compras a través de Internet. Un 14,4% da poboación galega adquiriu algún produto ou servizo nos últimos tres meses, un 5,1% máis que no ano 2009.

Os datos mostran que Galicia está a adiantar ao conxunto do Estado no grupo de idade de 10 a 15 anos en uso de ordenador e telefonía móbil nos tres últimos meses. A proporción de nenos que usaron o ordenador nos últimos tres meses na Comunidade é do 95,3% e do 94,6% para o Estado. Para o uso de telefonía móbil nos tres últimos meses, a porcentaxe é dun 67,8%, fronte ao 66,7% do conxunto do Estado. A proporción de uso das tecnoloxías da información no tramo de idade de 16 a 34 anos é, en xeral, alta, rexistrando valores próximos aos do conxunto do Estado. As diferenzas acentúanse considerablemente no tramo de idade comprendido entre os 45 e os 54 anos.

A utilización dos servizos de comunicación avanzada por Internet, por parte dos internautas de Galicia presentan niveis moi similares aos dos internautas do resto do Estado, superando a media en varios indicadores. Aínda que o correo electrónico (81,9%) e a procura de información sobre bens e servizos (86,2%) seguen a ser as aplicacións máis populares nos fogares galegos, nos últimos anos están a consolidarse outros moitos servizos: lectura e descarga de xornais ou revistas en liña (70,4%, 8,4 puntos por riba da media estatal), viaxes e aloxamento (61,6%) ou descarga de software (36,2%).

Os temas relacionados coa educación e a saúde encabezan as procuras de información na Rede. Un 55,6% dos internautas galegos procura información sobre educación ou formación a través de Internet, e un 57,1% realiza procuras relacionadas coa saúde superando á media estatal en 4,6 puntos porcentuais. A banca electrónica é empregada por un 38,4% dos internautas galegos. No último ano, a banca electrónica experimentou un crecemento do 15% en Galicia.

A Administración electrónica e DNIe
Os datos do INE correspondentes ao ano 2010 mostran que Galicia presenta bos resultados no uso dos servizos da e-Administración. O 51,7% da poboación galega que utilizou Internet, nos últimos tres meses de estudo, obtivo información de páxinas web da administración, superando á media estatal en 5,3 puntos porcentuais. Un 31,7% dos internautas galegos descargou formularios oficiais (4,8 puntos máis que a media estatal) e un 20,3% enviou formularios cumprimentados a través de Internet (2,6 puntos por riba da media estatal). Estes datos sitúan a Galicia como a terceira comunidade autónoma con maior uso da Administración electrónica para obter información das páxinas web e a quinta comunidade en descarga e cumprimentación de formularios oficiais.

Un 35% dos cidadáns de Galicia, entre 16 e 74 anos, xa dispoñen do DNI electrónico, 7,5 puntos máis que a media estatal. Entre as persoas que dispoñen dalgún tipo de certificado de sinatura electrónica, o 4,5% usou o DNIe nas súas relacións coas Administracións Públicas mentres que un 11,9% usou outros certificados de sinatura electrónica.

Capacitación dixital da cidadanía
O Goberno galego, a través de 2010.gal Axenda Dixital de Galicia, contempla medidas co obxectivo irrenunciable de converxencia coa Unión Europea nos indicadores esenciais de emprego das TIC en fogares, pemes e autónomos.

As actuacións destinadas a acadar a capacitación dixital da cidadanía xiran en torno a varios eixos. O primeiro paso, sensibilizar a través de actividades informativas sobre a existencia de servizos dixitais e os seus beneficios; formar para evitar a exclusión dixital nos colectivos que carecen de competencias nesta materia; incentivar, fomentando o uso dos servizos dixitais entre a cidadanía mediante axudas económicas e oportunidades de financiamento e recompensar, recoñecendo os coñecementos dixitais dos cidadáns e cidadás, mediante un sistema de acreditación de competencias recoñecido e aceptado polo sector público e polo sector empresarial, como panca da empregabilidade

Para o cumprimento destes obxectivos é condición indispensable poñer á disposición de todos os galegos unhas infraestruturas de telecomunicación de calidade. Este é o obxectivo do Plan de Banda Larga 2010-2013 do que xa se puxeron en marcha máis da metade accións previstas nun prazo de sete meses despois da súa presentación.