Xoves 24 de Febreiro de 2011
Galicia incorpórase ao centro nacional de referencia de fomento do software libre
A Comunidade autónoma intégrase na entidade na que se toman as decisións estratéxicas para o fomento do código de fontes abertas a nivel estatal
O CENATIC ten entre os seus obxectivos principais promover o coñecemento e difusión do software libre na Administración e nos diferentes sectores produtivos
A Xunta traballará este ano na creación dun selo de calidade para o software libre galego
Galicia incorporarase ao Centro Nacional de Referencia de Aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) CENATIC, que ten como obxectivo xeral “promover o coñecemento e difusión do software baseado en fontes abertas na Administración e nos diferentes sectores de actividade”.
Coa entrada da Xunta no padroado de CENATIC, o Goberno galego consegue que Galicia teña voz e voto na entidade que toma as decisións estratéxicas para o fomento do software libre a nivel estatal. A incorporación ao CENATIC permitirá a creación no presente ano dun selo de calidade para o software libre galego, xa que a Xunta adherirase ao selo nacional que se está promover dende o CENATIC para despois adaptalo á realidade do tecido TIC galego. Este selo permitirá ás empresas galegas a posibilidade de obter un recoñecemento, en forma de certificación, a nivel estatal.
Impulso ao Software Libre
Deste xeito, a Administración autonómica continúa avanzando nas medidas previstas para fomentar o uso do software libre en todos os ámbitos da sociedade como se recolle no Plan de Acción 2010 en materia de software libre e de fontes abertas (FLOSS), un plan que ten continuidade no presente ano.
Entre as vantaxes para a Comunidade Autónoma de Galicia de pertencer ao padroado cómpre sinalar o impulso ao sector empresarial TIC autonómico, ao posibilitar a difusión nacional e internacional das propostas e ofertas das empresas galegas e a participación en actividades de procura de sinerxías e socios con empresas doutras autonomías. Ademais, a entidade facilita asesoramento sobre aspectos xurídicos, tecnolóxicos e metodolóxicos á Administración Pública tanto para a liberación do software e coñecemento como para participar en programas de compartición e reutilización de código liberado por outras comunidades. Con a incorporación au seu padroado a Comunidade autónoma participará directamente na elaboración da estratexia do CENATIC, tomando parte na aprobación do plan de actuación e no orzamento da fundación.
A integración no Centro Nacional de Referencia de Aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) ten establecida unha cota anual de 65.000 euros.
Orixe
O CENATIC naceu como entidade o 20 de novembro de 2006 para dar resposta a un dos obxectivos do Plan AVANZA, a promoción do software baseado en fontes abertas como ferramenta clave para gañar competitividade nas empresas, e fomentar a compartición e reutilización de solucións tecnolóxicas de fontes abertas entre as administracións públicas. O Padroado é o máximo órgano de goberno e representación da Fundación e correspóndelle aprobar as liñas estratéxicas, e priorizar as oportunidades e os ámbitos de actuación para o ano en curso.
O padroado de CENTIC ten un modelo mixto formado polo Ministerio de Industria, turismo y Comercio, a través da entidade Red.es, así como polos gobernos de Extremadura, Andalucía, Asturias, Aragón, Cantabria, Catalunya, País Vasco e Baleres, a entidade pública empresarial Gpex e las empresas Atos Origin e Telefónica.
As liñas estratéxicas da Fundación son apoiar e promover o uso de software libre nas Administracións públicas, fortalecer o sector nacional das tecnoloxías da información baseadas en fontes abertas e difundir o seu uso nas pemes, na educación e na cidadanía en xeral.