Galicia e Portugal traballan conxuntamente na configuración dun destino turístico intelixente
• A Cidade da Cultura acolle os foros do proxecto europeo EDIT, liderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
• Galicia ten en marcha no marco deste proxecto dúas iniciativas de Big Data para coñecer e xestionar os fluxos turísticos e de control e xestión das visitas á Catedral de Santiago
• O proxecto EDIT permitirá a normalización dos datos procedentes de sensores instalados en Galicia e no norte de Portugal
• Un dos obxectivos da colaboración é a xestión sostible dos recursos turísticos a partir do procesamento dos datos con tecnoloxías intelixentes

O edificio Fontán da Cidade da Cultura acolle entre hoxe e mañá os foros do proxecto “Eurorrexión destino turístico intelixente” (EDIT) liderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e financiado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
No proxecto EDIT participan, ademais, a Axencia Turismo de Galicia, Turismo do Porto e Norte de Portugal, a Universidade do Minho, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo e a asociación CCG/ZGDV Centro de Computación Gráfica.
Dúas actuacións en marcha en Galicia
No marco do proxecto EDIT, a Xunta de Galicia ten en marcha a construción e posta en marcha do sistema de información intelixente de turismo de Galicia, por un importe de cerca de 650.000 euros. O sistema permitirá á Axencia Turismo de Galicia dispoñer de información analítica avanzada, mediante o uso da tecnoloxía BigData, sobre gasto turístico, reservas turísticas, ocupación, mobilidade ou sentimento e opinión de turistas e cidadáns.