Galicia é a segunda comunidade que conta cun decreto que regula a presenza da administración en internet
A norma, aprobada no Consello da Xunta, aposta pola transparencia informativa e a participación cidadá a través das redes sociais
Busca facilitar aos usuarios o acceso á información e aos servizos que a Administración autonómica pon á súa disposición nos diferentes portais corporativos que se estruturarán baixo uns criterios comúns
Avanza cara o Goberno aberto facilitando a reutilización dos datos que xera a Administración pública por parte de cidadáns e empresas
Impulsa o uso das redes sociais como canais de participación e interacción da sociedade coa Administración
Garántese a accesibilidade aos contidos especialmente no caso dos colectivos con algunha discapacidade funcional
Ordena a rede de portais corporativos integrada por preto de 300 páxinas web
Supón un paso máis no proceso de modernización da Administración autonómica para mellorar a calidade do servizo ofrecido ao cidadáns acorde coas necesidades da eAdministración
O Consello do Goberno galego aprobou o pasado 13 de outubro o decreto que regula a presenza da Administración Xeral do Sector Público en Internet. O obxectivo do decreto, o segundo destas características despois do que está en vigor no País Vasco, é garantir a transparencia informativa e impulsar a participación cidadá a través das redes sociais avanzando cara un Goberno aberto.
É un paso máis no proceso de modernización da Administración autonómica para mellorar a accesibilidade dos cidadáns aos servizos e a información que Administración pon á súa disposición, acorde coas necesidades dunha verdadeira administración electrónica.
A presenza da Administración pública na Rede queda establecida baixo unha rede de portais estruturados arredor da web institucional www.xunta.es, a través do cal se poderá acceder á totalidade portais e servizos participativos da Xunta. No portal corporativo, que ten unha media de un millón de visitas ao mes, o usuario terá acceso a un catálogo de portais, un inventario estruturado por temas onde o atopará máis facilmente o acceso ás 288 webs que ten actualmente á súa disposición.
Impulso do Goberno aberto e das redes sociais
O decreto establece as medidas para impulsar o uso das redes sociais e para avanzar en aspectos clave da eAdministración como a reutilización da información, a transparencia e a accesibilidade. O obxectivo é acadar o Goberno aberto, aquel que promove unha participación efectiva a través das canles sociais e que pon a disposición da sociedade, de maneira libre, os datos que se xeran no ámbito da Administración pública.
Este tipo de información (listas, bases de datos, informes…) posúe un grande interese e potencial para os cidadáns e empresas pola súa calidade e fiabilidade. Por unha banda, ofréceselles aos cidadáns a posibilidade de mellorar a súa información e coñecemento sobre as actividades das institucións e por outra facilítaselle ás empresas o desenvolvemento de novos servizos e produtos.
O avance cara o Goberno aberto supón elemento xerador de emprego e riqueza ao abrir a posibilidade de novas oportunidades de negocio para emprendedores que poden crear novas aplicacións e prestacións en base a esta información. Ademais, aos axentes económicos e sociais poderán ter unha maior axilidade na toma de decisións ao dispoñer de forma fácil e asequible información administrativa, financieira, xurídica.
O decreto impulsa o uso das redes sociais como canle de diálogo, participación consulta e opinión, a través do que recibir valoracións e suxestións sobre a planificación de políticas, e toma de decisións a todos os niveis de goberno. A Administración autonómica incrementou progresivamente a súa presenza nestas canles e actualmente arredor de 15 departamentos da Xunta teñen contas en redes sociais como Facebook, Twitter, Tuenti, Flickr, Youtube e Vimeo e portal corporativo www.xunta.es conta con preto de 5.000 seguidores en Facebook e Twitter.
Para acadar un verdadeiro intercambio de información e unha comunicación fluída co cidadán o decreto estipula o cumprimento dos criterios en materia de accesibilidade con especial atención ao acceso á información por parte dos colectivos con discapacidade funcional. Tamén regula os usos lingüísticos impulsando o uso do galego, que será a lingua de navegación por defecto e establecendo a publicación de contidos,a lo menos, en galego e castelán.
Guía de políticas Web
Para conseguir unha coordinación efectiva da rede de portais o decreto define a Guía de políticas web corporativas, o documento que establece o conxunto de normas e directrices de homoxeneización no deseño, construción e posta en marcha das webs.
Así os parámetros da Guía unificarán o modo de xestión dos contidos e servizos co obxectivo de facilitar á cidadanía o acceso aos mesmos, asegurando ao mesmo tempo a visibilidade en internet das identidades dos departamentos ou organismos implicados.
Ademais, os portais empregarán estándares abertos e de forma complementaria estándares de uso xeralizado polos cidadáns para garantir a independencia na elección de alternativas teconolóxicas por parte da cidadanía. Referímonos á posta a disposición da sociedade, de maneira libre, os datos de diferentes organizacións, fundamentalmente daqueles que se xeran no ámbito da Administración pública.