Galicia é a segunda Comunidade Autónoma con maior compromiso na difusión do Software Libre nas universidades

Domingo 09 de Xuño de 2013

Galicia é a segunda Comunidade Autónoma con maior compromiso na difusión do Software Libre nas universidades

Ascende dous postos nun ano, segundo o “Ranking de Universidades en Software Libre” que publica portalprogramas.com

A Xunta, a través do seu Plan de Software Libre, achegou desde 2010 un total de 410.000 euros ás tres universidades para o desenvolvemento de actividades de difusión do software de fontes abertas

Galicia é a segunda Comunidade Autónoma con maior compromiso na difusión do software libre nas universidades, segundo o Ranking de Universidades en Software Libre (RuSL, 2013), que vén de publicar PortalProgramas.com e que analiza un total de 72 universidades do conxunto do Estado.

A Comunidade sube dous postos respecto á posición do ano pasado, o primeiro no que se publicou este Ranking, que permite coñecer cales son as universidades que máis difunden o software libre, en que aspectos destaca cada universidade, así como os factores que inflúen no seu uso.

Puntos fortes e febles de cada universidade
Este ranking amosa información sobre os puntos fortes e febles de cada universidade e a súa evolución respecto ao ano pasado para que as propias universidades poidan coñecelos, mellorar neses aspectos e colaborar entre elas.

Na elaboración deste contouse tamén coa colaboración dun grupo de expertos, ademais de Segundo Píriz, presidente da Sectorial CRUE-TIC, do Centro Nacional de referencia de Aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (Cenatic), e do Centro de Apoio Tecnolóxico a Emprendedores de Castela a Mancha.

Para levar a cabo esta valoración, este ano empregáronse 67 criterios agrupados en 11 dimensións: Docencia, Cultura en Software Libre, Criterios Tecnolóxicos, Divulgación, Webmetría, Produción, Apoio Institucional, Axuda, Investigación, Colaboración externa e Administración.

No caso concreto dos puntos fortes das universidades galegas, destaca sen lugar a dúbidas o criterio de Axuda, coa USC en primeiro lugar, seguida pola UDC e pola Uvigo. Ademais, destaca tamén o segundo posto da UDC nos criterios de Divulgación e Apoio institucional; o primeiro posto da USC nos Criterios tecnolóxicos e finalmente e o sexto posto no criterio de Divulgación da Uvigo.

En canto aos puntos febles, portalprogramas indica que onde deberían prestar máis atención as nosas universidades son no Apoio institucional na Uvigo (posto 51) e na USC (posto 23) e na Cultura en Software Libre na UDC (posto15).

Apoio do Plan de Software Libre da Xunta
A Xunta a través do seu Plan de Software Libre vén a apoiando desde 2010 as actividades de difusión das tres universidades galegas nesta materia cunha achega de 410.000 euros nos últimos tres anos. Durante este período celebráronse preto de 100 xornadas, cursos e actividades formativas das que se beneficiaron arredor de 1.700 persoas. Ademais, o Plan de Software Libre da Xunta permitiu o desenvolvemento doutras iniciativas como o desenvolvemento de proxectos baseados en software libre a e a súa progresiva implantación no eido universitario, así como a tradución de diferentes proxectos libres ao galego.

En 2013, e no marco deste plan, a Oficina de Software Libre do Sistema Universitario Galego márcase como obxectivo o incremento da porcentaxe de uso de software libre nas aulas de informática das escolas e facultades galegas, para o que durante este ano continuará coa implantación progresiva de software iniciada en anos anteriores. Así 25 novas aulas de informática das 3 universidades galegas contarán con arranque dual co sistema operativo Ubuntu SO-XUG desenvolvido o pasado ano, e instalarase alternativas libres para os programas privativos habituais de uso nas escolas e facultades galegas en 70 novas aulas.