Galicia duplica a captación de fondos europeos no VII Programa Cadro de I+D e cumpre obxectivos 2 anos antes do previsto
As expectativas formuladas pola Xunta para finais de 2013 foron xa superadas coa captación de máis de 31 millóns de euros por parte dos axentes do Sistema Galego de I+D+i
O número de actividades financiadas pola UE con cargo a este instrumento foi de 108 ao remate de 2010, máis do dobre das previstas co horizonte 2013
A Consellería de Economía e Industria ten aberto o prazo de solicitude de axudas para a presentación de propostas ao VII Programa Cadro
O apio da Xunta de Galicia ás iniciativas de captación de recursos no eido da I+D+i ten impulsado dun xeito determinante a captación de fondos do VII Programa Cadro de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico da Unión Europea (7PC), así como a capacidade axentes galegos para presentar propostas de I+D+i competitivas a nivel europeo, superaron con moito as expectativas formuladas a principios de 2007, en especial no que se refire ás empresas.
Deste xeito, co apoio do Goberno galego, as empresas, centros tecnolóxicos, universidades e demais centros de investigación galegos acadaron xa o obxectivo de obter 31 millóns de euros de captación de fondos procedentes deste instrumento de financiamento comunitario, establecido a comezos da sétima edición deste programa, con vixencia 2007-2013.
Neste sentido, cómpre destacar o Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (I2C) 2011-2015 prevé intensificar o apoio aos axentes na captación de fondos europeos para I+D+i, tal e como recolle o Programa de Apoio ao Crecemento Empresarial mediante o fomento da investigación e a innovación empresarial (ACE), dotado con 8 millóns de euros, actualmente aberto á recepción de propostas. De feito, unha das súas liñas contempla subvencións para a preparación de propostas de proxectos a presentar en convocatorias de I+D+i estatais e internacionais. Para as pemes estas axudas poderán acadar o 70% do custo subvencionable e para as grandes empresas o 60%.
A aposta da Xunta de Galicia neste eido ten acelerado o ritmo de captación de recursos e a falta de dous anos para que remate o período de execución do 7PC, Galicia conseguiu aumentar de maneira significativa a súa participación no principal instrumento europeo de financiamento da I+D, xa que o programa anterior (6PC) saldárase con 14,5 millóns de euros de retorno para os centros e empresas galegos, é dicir, menos da metade ca neste período.
Polo que respecta ao número de iniciativas aprobadas pola UE, as previsións formuladas polo Executivo galego a principios de 2007 establecían o reto total de actividades financiadas en 55 para 2013, cando a cifra real ascendía xa a 108 ao peche de 2010. En concreto, o 2010, foi un dos mellores exercicios con 30 actividades, e a captación de fondos, con 13,8 millóns de euros, triplicando cifras obtidas en anos anteriores.
Iniciativa privada
O 50% das actividades galegas financiadas até o final de 2010, con cargo ao 7PC correspondeulle ás universidades. O retorno obtido ascendeu a 12,3 millóns de euros, o que supón o 40,5% dos fondos totais captados.
Especialmente importante neste balance é o papel da empresa, tradicionalmente rezagada na súa participación nos Programas Cadro da UE pola complexidade dos requisitos. Só as actividades lideradas por empresas supoñen xa o 27% do total, cun financiamento comunitario de 5,9 millóns de euros, é dicir, o 20% do total dos fondos captados. Tendo en conta as actividades promovidas por asociacións, tamén consideradas no marco da iniciativa privada, a cantidade ascende a 7,1 millóns de euros, é dicir, o 23,7% do total.
Distribución por programas
O 7PC, dirixido a fortalecer a base científica e tecnolóxica da industria europea e incrementar a competitividade e importancia do Espazo Europeo de Investigación, articúlase en catro programas específicos.
O primeiro deles é o de Cooperación, destinado a apoiar a cooperación transnacional, fundamentalmente mediante proxectos en consorcio, dado que o seu obxectivo é estimular a colaboración entre industria, universidade e centros de investigación demostrando unha especial fortaleza en catro grandes áreas: Alimentación, Agricultura e Pesca, e Biotecnoloxía; Transporte; Tecnoloxías da Información e das Comunicacións, e Nanociencias, Nanotecnoloxías, Materiais e Novos Procesos de Produción.
O segundo dos programas no que Galicia conseguiu un maior retorno foi o de Persoas, destinado a reforzar os recursos humanos apoiando a mobilidade e a formación dos investigadores e a cooperación a longo prazo entre o mundo académico e a industria.
O terceiro dos programas é o de Capacidades, deseñado para fortalecer as capacidades e infraestruturas de investigación e innovación en Europa, con grande importancia das actividades de investigación en beneficio das pemes, unha das sete liñas de acción previstas neste programa.
Por último, cómpre destacar o programa de Ideas, dirixido a potenciar a investigación básica, a creatividade e a excelencia, con especial atención aos campos científicos e tecnolóxicos emerxentes