Galicia convértese desde hoxe e durante todo o fin de semana nun gran espazo de encontro xuvenil e tecnolóxico

Venres 26 de Marzo de 2010

Galicia convértese desde hoxe e durante todo o fin de semana nun gran espazo de encontro xuvenil e tecnolóxico

Xuventude Galicia Net 2010 (XGN), o maior evento informático da Comunidade Autónoma, que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, arrancou hoxe no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago coa participación de mozos e mozas de Galicia, Asturias, Málaga e Madrid, entre outros lugares.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro Tato, levou a cabo esta mañá a apertura das portas.

O acendido oficial de XGN terá lugar esta media noite e ata o domingo os mozos e mozas estarán conectados en rede cunha velocidade de conexión de 1 xigabit.

O sorteo de consolas, xogos e ordenadores portátiles realizarase o domingo.

Xuventude Galicia Net 2010 (XGN), o maior encontro tecnolóxico da Comunidade autónoma, xa está en marcha. Os 1.600 mozos e mozas que cursaron a súa preiscrición comezaron a chegar hoxe ao Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago, onde iniciaron a instalación dos seus propios ordenadores.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro Tato, foi o encargado de levar a cabo a apertura de portas, ás 10.00 horas. Moitos dos mozos e mozas levaban a esperar preto de dúas horas para coller o mellor sitio na intranet, o espazo habilitado este ano pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado para que todos eles conecten os seus ordenadores. Algúns dos PC que xa se viron hoxe na intranet superan os 30.000 euros, unha vez que os seus donos introducen todos os elementos necesarios para ‘tunealos’.

Na intranet, os asistentes á maior ‘Lan Party’ de Galicia contan con 40 quilómetros de cable e velocidade de conexión de 1 xigabit para que non só pasen horas diante da pantalla do ordenador, senón para que tamén poidan disputar concursos, campionatos e xincanas de temática tecnolóxica a unha velocidade adecuada.

Acendido oficial

“É un espazo de encontro xuvenil para que os mozos e mozas poidan intercambiar datos e experiencias e tamén para o aprendizaxe das novas tecnoloxías”, apuntou Rodeiro. De feito, unhas das novidades este ano de XGN é a ampliación das ‘barcamp’, un espazo onde os propios participantes ensinan os seus compañeiros as diferentes novidades das novas tecnoloxías.

Todas as actividades, que se desenvolverán durante as 24 horas do día ata o domingo, comezarán esta tarde, unha vez que todos os participantes cheguen a Xuventude Galicia Net, xa que moitos proceden doutras comunidades autónomas, como Asturias, Madrid, Valencia e Málaga.

O gran momento, non obstante, será a partir das 00.00 horas cando teña lugar o acendido oficial da ‘Lan Party’. Minutos antes da media noite todos os ordenadores apagaranse e tras unha conta atrás terá lugar o acendido.

Programación

Na xornada de mañá continuarán as diferentes actividades programas este ano por Xuventude como os concursos, que xa son unha constante neste tipo de eventos.

Cada ano a oferta é máis amplía e, por iso, na undécima edición os usuarios de Intranet poderán participar por primeira vez en campionatos de lanzamento de CD, dobraxe, foto, vídeo ou deseño 2D e 3D.

Rodeiro, ademais, destacou na inauguración oficial de XGN a importancia este ano da zona extranet, a carpa cuberta de máis de 600 metros cadrados instalada no recinto exterior do Pazo de Congresos e Exposicións, que estará aberta a todo o público en xeral.

“Supón outra forma de participar no evento durante os tres días, xa que alí terán lugar diversas actividades de ocio dirixidas a toda a familia”, resaltou.

Extranet conta como novidade nesta undécima edición cun futbolín, un toro mecánico, obradoiros de globoflexia, de defensa persoal e de esgrima antiga europea. Ademais, ponse a disposición do público unha amplía gama de consolas con videoxogos.

Entre todos os asistentes entregaranse papeletas para unha rifa na que se sortearán diferentes premios, como consolas, xogos para consolas e máis dun ordenador portátil, o domingo pola mañá no auditorio do Palacio de Congresos.

Os obradoiros, que tamén comezarán esta tarde, son outra das grandes novidades da Lan Party de Galicia, xa que o público en xeral poderá participar nos talleres nos que se ofertarán temáticas de fotografía, redes sociais, traballo e modelos de negocio en Internet ou traballo e modelos de negocio en Internet.

A organización de Xuventude Galicia Net está formada este ano por máis de cen persoas para que aos participantes non lles falte nada. Durante os tres días que dura o evento, prevese a participación de preto de 5.000 mozos e mozas.

XGN é un evento xa consolidado na Comunidade Autónoma, pero a Xunta quere ir máis alá e unha das iniciativas que quere poñer en marcha é crear a longo prazo unha rede de partys galegas “para xuntar os esforzos e deste xeito poñer a Galicia nos primeiros postos a nivel nacional da formación continua nas novas tecnoloxías”, concluíu Rodeiro.