Galicia atópase entre as comunidades punteiras do Estado no que atinxe á aplicación das TICs no ámbito da sanidade

Luns 15 de Marzo de 2010

Galicia atópase entre as comunidades punteiras do Estado no que atinxe á aplicación das TICs no ámbito da sanidade

Así o destacou hoxe a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, durante a súa intervención no Foro das rexións da Semana eHealth 2010, en Barcelona.

A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, destacou hoxe que o papel que xogan as novas tecnoloxías da información e a comunicación (TICs) na atención sanitaria pública, xa que, segundo dixo, facilitan a equidade e universalidade do mesmo.

A titular da carteira sanitaria do executivo galego participou esta mañá nunha das mesas redondas celebradas no Foro de Rexións e Celebración dos 20 anos das TIC en Saúde. Liderando a Innovación, que se desenvolveron no marco da eHealth Week 2010, no que se puido comprobar que Galicia se atopa entre as Comunidades Autónomas máis punteiras do Estado no que no se refire á aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación no eido da sanidade.

Cómpre destacar que nesta semana teñen lugar simultaneamente en Barcelona a Conferencia de Alto Nivel eHealth 2010 da Unión Europea –que se celebra cada ano baixo a responsabilidade da Presidencia de quenda da UE-, e o World of Health IT (WoHIT).

Na súa intervención de hoxe na cidade Condal, Pilar Farjas remarcou que as novas tecnoloxías son instrumentos que melloran a produtividade ao tempo que optimizan o uso de recursos e contribúen a implantar cambios organizativos que melloran a eficiencia.

O tema central do debate no que tomou parte a conselleira de Sanidade xirou arredor de como as rexións combinan a importancia da promoción da innovación en saúde, a actual situación económica e a obriga de prover servizos de saúde de calidade e accesibles aos cidadáns.

Novas tecnoloxías da comunicación no Sergas
Neste sentido, indicou que a prioridade principal do Servizo Galego de Saúde é precisamente centrar a atención sanitaria no paciente, para o que se está a levar a cabo unha modernización do funcionamento do sistema que permita unha xestión máis eficiente e sostible. Os obxectivos, explicou, son dar resposta aos problemas de saúde no nivel máis próximo ao cidadán e no menor tempo posible, a optimización dos sistemas de información e a promoción da innovación.

Na súa intervención, subliñou, tamén, que a dixitalización supón unha maior eficiencia nos recursos e na atención. Así, en Galicia, o número de visitas administrativas que realizan os pacientes aos centros de saúde unha vez que as farmacias están dixitalizadas pasou dun 25% a valores por debaixo do 13%.

Igualmente, citou a historia clínica electrónica, indicando que a IANUS é a plataforma de integración de sistemas e rexistro de información clínica desenvolvida polo Sergas. O pasado ano realizáronse máis de 14 millóns de accesos de profesionais sanitarios á IANUS, na que están integrados todos os hospitais da rede do Sergas -aos que hai que sumar dous hospitais concertados- e 420 centros de saúde, que aglutinan ao 90% da poboación.

Ademais, engadiu, actualmente 180 centros de saúde emiten receitas electrónicas e hai 867 farmacias conectadas que as utilizan; así, en decembro foron dispensadas máis de 1,5 millóns de e-receitas.

Farjas Abadía avogou tamén polo desenvolvemento da Administración electrónica como elemento fundamental para a modernización do funcionamento do sistema sanitario. Recordou que en Galicia están dispoñibles para a súa realización a través de Internet diversos trámites, relacionados coa tarxeta sanitaria, a solicitude de cita previa, o acceso á historia clínica, a subscrición a noticias e recordatorios de citas, o servizo de suxerencias, queixas e reclamacións, e foros de participación cidadá, entre outros.

Ademais, a titular da carteira sanitaria da Xunta fixo referencia á central de chamadas, a unificación do acceso telefónico –incluída a consulta- a través dun só número de teléfono para toda a Comunidade, a plataforma de formación a distancia, a Escola Galega de Saúde para Cidadáns e a plataforma Bibliosaúde, dispoñible tanto en Internet como na Intranet e que o pasado ano recibiu máis de 54.000 visitas.

Evolución tecnolóxica
A conselleira tamén observou que a evolución tecnolóxica trae consigo un aumento da eficiencia nas áreas de recursos humanos e de recursos económicos, ao permitir unha solución centralizada e unha mellora funcional coa posta en marcha dun sistema para a xestión do modelo de compras, o loxístico e o de control do gasto.

“No Servizo Galego de Saúde traballamos na consolidación dos elementos claves da rede de cooperación, reforzando as infraestruturas tecnolóxicas, completando a extensión da historia clínica electrónica, promovendo a accesibilidade a través de novos canais de comunicación e mellorando a calidade da información”, asegurou, avogando así mesmo por que as tecnoloxías favorezan unha maior rapidez e unha maior capacidade de resolución no diagnóstico do paciente e a diminución de actos médicos e desprazamentos.

Por último, Farjas Abadía puxo en valor a cada vez maior coordinación entre sistemas sanitarios de distintos países, e sinalou a necesidade dunha homologación entre historias clínicas, sistemas de acceso á sanidade pública e colaboración entre profesionais.