Galicia aposta pola modernización das súas infraestruturas sanitarias como eixo da mellora da sanidade pública e motor de creación de emprego
Así o sinalou Pilar Farjas hoxe en Madrid, no Encontro Anual de Infraestruturas Hospitalarias, onde indicou que a construción dos novos hospitais de Vigo e Pontevedra permitirán a creación de 4.000 postos de traballo
É previsible un aumento en Galicia da frecuentación dos servizos sanitarios de ao redor do 30 por cento
A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, explicou hoxe na capital de España, no marco do Encontro Anual de Infraestruturas Hospitalarias, as actuacións previstas polo seu departamento para modernizar os hospitais e centros de saúde da rede sanitaria pública galega.
O Goberno galego dedica o 34 por cento do orzamento da Xunta ao sistema sanitario. En consecuencia quere, dixo Pilar Farjas, uns servizos sanitarios que permitan dar resposta ás necesidades da poboación, garantindo a sostenibilidade do sistema así como o seu carácter público.
Diversos factores xustifican que o Servizo Galego de Saúde modernice as infraestruturas sanitarias. Entre estes factores, a conselleira de Sanidade sinalou que Galicia amosa un perfil de poboación envellecida que require infraestruturas adaptadas ás súas necesidades (frecuencia de uso e eliminación de barreiras). Asemade, a provincia de Pontevedra, e concretamente a cidade de Vigo, amosa un maior dinamismo demográfico. Segundo destacou a presidenta do Sergas, é previsible un aumento en Galicia da frecuentación dos servizos sanitarios de ao redor do 30 por cento.
No contexto de crise económica que estamos a vivir e coa conseguinte diminución de ingresos, Farjas Abadía aposta polo sector da saúde como dinamizador da economía e mobilizador de recursos. Todo elo, tendo ao paciente como centro do sistema e baixo os principios de rigor e austeridade.
Deste xeito, sinalou Farjas, o proceso de construción dos hospitais de Vigo e Pontevedra permitirá a creación de 4.000 postos de traballo directos e indirectos (2.400 en Vigo e 1.600 en Pontevedra), o que converte estas infraestruturas nun motor estratéxico da economía destas comarcas e por extensión de Galicia, nun momento onde a creación de emprego ten unha especial importancia para a recuperación económica. Ademáis, a conselleira de Sanidade defendeu este esforzo inversor coma unha palanca que permite reforzar o avance en innovación, investigación e desenvolvemento, e xerar valor engadido ás economías dos lugares onde se asentan.
Reforzamento da rede sanitaria pública
As novas infraestruturas veranse reforzadas coa posta en funcionamento do novo hospital de Lugo, a construción do novo hospital de Vigo e do novo hospital de Pontevedra, así como novos centros de saúde e novos centros de Alta Resolución.
O novo hospital público de Lugo ten unha superficie construída de 170.000 metros cadrados e un investimento total que supera os 220 millóns de euros (181 millóns en obra e preto de 40 en equipamento). O hospital comezouse a construírse no ano 2002 e a súa posta en funcionamento será no presente ano.
O novo hospital público de Vigo terá unha superficie construída de máis de 173.000 metros cadrados, para un investimento estimado de ao redor de 300 millóns de euros.
A fórmula elixida de financiamento do centro será o modelo concesional, xa que se presenta como a mellor alternativa, pois permite dispoñer dun novo hospital público en Vigo en tres anos, tempo moi inferior ao que se necesitaría con outros fórmulas. Ademais, esta modalidade, utilizada noutros proxectos similares en Comunidades Autónomas, independentemente da súa cor política de goberno, posibilita distribuír o alto custe inicial da infraestrutura ao longo da súa vida útil; garante a máxima eficiencia e estabilidade presupostaria durante todo o período e, así mesmo, favorece a introdución da innovación na xestión. Asemade, esta fórmula de financiamento permite cumprir coa normativa SEC 95.
Pilar Farjas salientou na súa intervención que o novo hospital de Vigo será cen por cen público e a prestación sanitaria realizarase por profesionais do Servizo Galego de Saúde. O centro sanitario dinamizará o entorno económico e social da cidade, posto que creará na súa construción ao redor de 2.400 postos de traballo directos e indirectos. As obras comezarán a finais deste ano e rematarán no 2013.
O novo hospital público de Pontevedra terá unha superficie construída de 150.000 metros cadrados e un orzamento de ao redor de 210 millóns de euros. No presente ano procedeuse á licitación da redacción do proxecto sectorial, do anteproxecto e da elaboración do prego de prescricións técnicas, cun custe de 1.200.000 euros. Xa se publicou no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial do Estado e no Diario Oficial da Unión Europea no mes de marzo. O prazo máximo de redacción é de 6,5 meses.
Respecto da Atención Primaria, Pilar Farjas dixo que o seu departamento ía destinar ao redor de 100 millóns de euros nos vindeiros anos para a construción de 63 novos centros de saúde.
No que atinxe ás infraestruturas xa existentes, a conselleira de Sanidade tamén destacou os investimentos para os plans directores destinados a modernizar o Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (máis de 42 millóns de euros), o Complexo Hospitalario de Ourense (máis de 132 millóns de euros), o Hospital do Salnés (preto de 17 millóns de euros), e ao Hospital da Costa de Burela (ao redor de 840.000 euros). Ao sinalado anteriormente hai que engadir a reorganización da área de Ferrol por mor da integración do hospital de Defensa.
Defensa do sistema público de sanidade
Na súa intervención, Pilar Farjas, manifestou que Galicia, a pesares da dificultade socioeconómica do momento, está a impulsar unha nova etapa para o seu sistema público de saúde e fixo un chamamento á responsabilidade para que as novas infraestruturas e os servizos esenciais de saúde sexan respectados no entorno de debate político. Xa que, segundo salientou, non se pode negar a Galicia o que se defende en Baleares, Cantabria, Andalucía ou Cataluña.